Rehabilitar. Reinserir. Resocializar

Dinos a Constitución (art. 25, § 2) “As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas cara a reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados. (...) En todo caso, terá dereito a un traballo remunerado e aos beneficios correspondentes da Seguridade Social, así como ao acceso á cultura e ao desenrolo integral da súa personalidade”.

Por Xaquin Campo Freire | Ferrol | 14/07/2013

Comparte esta noticia
E con esa letra xa todos descansamos. Xa os temos lonxe! Que alivio! Xa nolos quitaron de diante. Agora que  os do cárcere fagan bo deles! 
 
Porén, cómpre que nos preguntemos, se somos serios: Como se pode reeducar, rehabilitar, reinserir, resociabilizar sen o uso e o exercicio adecuado da liberdade? 
 
Nun espazo de 2.000 m² para cen persoas, por longos anos de un só día que se repite invariabelmente, rutinariamente, 365 veces, sempre iguais en cada xornada, non hai moitas posibilidades para conseguir esas utopías, por moita vontade que lle poñan todos cantos alí traballan ou nos movemos. E conste que hai moita xente traballando moito, ben e con corazón. Pénsese en como se van abrindo camiño os módulos de respecto e convivencia, os traballos ocupacionais, etc.
 
Isto é cometido da sociedade enteira, de todos e cada un de nós. E cos ventos que corren na reforma do Código Penal non hai vontade política seria de sermos constitucionais.
Estamos creando unha sociedade vindicativa e inmisericorde. “Cadea perpetua revisábel!” (Para peor, naturalmente). Que podrezan no cárcere! E así só recollemos desfeitas humanas: Aquel home, despois de 18 anos, xa non  era de ninguén. Aquel home xa  era de ningures. Non sabía que facer, senón delinquir, para poder volver ao cárcere: A súa casa.
 
Todos lle pasamos a pelota ao outro: Debían facer, recoller, acoller, ...
 
Un indefinido “debían, debían, debían”... Sempre deben os outros. E eu, que? Eu non debo, ti non debes el non debe, nós non debemos, vós non debedes, eles non deben? Ou é que a culpa é só de Gallardón?, que tamén a ten. Aquí debemos todos. E que ninguén sacuda a parte alícuota de responsabilidade, iniciativa ou creatividade que lle corresponde. Non podo todo, pero podo algo, aínda que só sexa denunciar o problema. 
 
Aquilo de Castelao: De momento, vinde todos á obra. Hai sitio para todos. Non murmuredes nin destruades, mentres se está no obradoiro, mentres se está aínda na feitura. 
 
Non vou esclarecer aquí o grao de influencia que ten o ambiente no desenvolvemento evolutivo da persoa humana nas diferentes etapas da vida. Ata que punto a conciencia persoal e a capacidade de liberdade da persoa non está comprometida polo lugar e o ambiente social no que vivo? A teoría xa nola dá a psicosocioloxía ou a sociopsicoloxía.  Eu digo que se eu nacese nunha favela do Brasil tería de andar nas pilas do lixo buscando para vivir ou aprendendo a roubar.
 
E tamén podo dicir que se ao peixe non lle cambiamos a auga do acuario, por moi boa que sexa a xenética que o acompañe, termina enfermando e acaba por morrer. 
 
Sigo co tema da Constitución española, (art. 25, § 2), que insiste moito na reinserción e rehabilitación da persoa sometida a prisión.
 
Iso desenvólvese logo máis polo miúdo nos regulamentos penitenciarios e na subseguintes normativas. Porén refírense fundamentalmente a estadía no cárcere. E fican curtos. Porque reinserir (reinsertar en castelán), resociabilizar, rehabilitar debe entenderse que é unha acción a realizar principalmente fóra, cando os internos xa saian do cárcere. E é aí onde quero chegar. Quen está disposto a axudarlle a un preso a reinserirse, rehabilitarse, resocializarse?
Porque iso comporta actuar principalmente sobre doutras dúas etapas: 1ª Na PREVENCIÓN. 2ª  No  REINSERIR. RESOCIABILIZAR. REHABILITAR á saída.
 
Destas ocupareime polo miúdo nun próximo artigo, para non cansar e deixar tempo a remoer de vagariño as ideas e as emocións que os reclusos provocan en todos nós, ben sexa de compromiso persoal ou mesmo de refugamento e condenas absolutas, mentres no vaia connosco ou con un dos nosos. Porque daquela....

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.