Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/07/2013 | Actualizada ás 08:00
Case a totalidade do territorio galego está exposto ao radon. Así se observa no primeiro mapa que delimita as zonas do Estado máis expostas a este gas radiactivo, que é a segunda causa de cancro de pulmón despois do tabaquismo. De feito, este gas é responsable do 25% das mortes por este cancro en Galicia, cuxo territorio está considerado área de alto risco.
O mapa foi elaborado por científicos da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e o Consello de Seguridade Nuclear (CSN). Trátase da primeira carta que utiliza métodos estatísticos para delimitar as zonas da Península con maior risco de exposición a radón, onde hai unha porcentaxe significativa dos edificios con niveis superiores a 300 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire).
Os autores explican nun artigo publicado en 'Journal of Radiological Protection' que se trata do "primeiro mapa no que se identifican a nivel peninsular as áreas con risco de radón", e nel se observa como Galicia é a autonomía máis exposta.
En xeral, a parte occidental do Estado é a máis exposta ao radon, sendo especialmente significativa a exposición na zona noroccidental: practicamente toda Galicia, o oeste de Asturias e a parte máis occidental de Castela e León. Tamén se observan altos niveis en Estremadura, zonas do norte de Andalucía, serra de Madrid e puntos de Cataluña e Pirineos tamén son áreas con niveis superiores deste gas.
Segundo os científicos, "case todas estas zonas teñen en común que os seus chans desenvolvéronse a partir de formacións do dominio Hercínico, constituído, principalmente, por rocas precámbricas e paleozoicas".
O gas radon está orixinado pola desintegración do radio e do uranio, presentes nos chans. Por iso, os expertos sinalan que as concentracións máis elevadas do gas danse nos sotos e nas plantas baixas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.