Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/01/2021 | Actualizada ás 22:00
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participaba este luns nun longo Comité Clínico que remataba cun novo confinamento. Unhas medidas que foron amplamente discutidas e debatidas no seo dese comité e no que, ademais de decisións sanitarias, tamén pesaron as decisións políticas á hora de adoptalas. De feito, a indefinición das medidas ata case o mesmo momento da comparecencia de Feijóo provocou ordes e contraordes en distintos departamentos.
Esas novas medidas recollen o peche perimetral de todos os concellos, a limitación das relacións socias a convivintes, a suspensión de toda a actividade non esencial, as restricións ás prácticas deportivas, o peche da hostalaría, de toda a actividade cultural e dos comercios a partir das 21.00 horas e tamén o peche de universidades, centros da EOI e conservatorios.
Pero non todos no Goberno galego están a favor destas medidas que, de facto, supoñen case un novo confinamento. Unhas medidas que teñen e terán un forte impacto na economía do país. Por iso, no Comité Clínico tamén se discutiron outras posibilidades, entre elas, as de adiantar o toque de queda ás 20.00 horas e evitar, deste xeito, medidas máis restrictivas como ás que, finalmente, se adoptaron, entre elas, o adianto do peche dos comercios ou de centros universitarios, EOI e conservatorios.
De feito, un dos modelos que estivo enriba da mesa foi do de Castela e León, a única autonomía que decidiu adiantar pola súa conta o toque de queda ata as 20.00 horas. Unha medida que, ademais, se complentou este mesmo martes, co peche total do comercio e da hostalaría, os ximnasios e os centros deportivos e a limitación a catro persoas convivintes as relacións entre persoas. Pero, na comunidade veciña seguen abertos os museos e as actividades culturais, aínda que moi limitadas. Tamén seguen abertas universidades, EOI e conservatorios.
TEMOR A QUE OS TRIBUNAIS FALLEN CONTRA CASTELA E LEÓN
Con todo, a posibilidade de que os tribunais acaben botando abaixo a medida decretada unilateralmente polo goberno de Castela e León --que foi recorrida polo Goberno central--, e ante a evidencia de que nin Andalucía, nin Euskadi teñan tomado esta decisión --a pesar de pedirllo expresamente a Madrid- fixeron que esta posibilidade non saíra adiante no Comité Clínico da Xunta.
De feito, e segundo fontes consultadas por GC, centros escolares, conservatorios e EOI foran advertidos a última hora da mañá do luns de que Feijóo anunciaría esa medida e que debían adaptarse xa á posibilidade de impoñer a ensinanza telemática a partir das 20.00 horas. Finalmente, e tras numerosas chamadas, deuse marcha atrás a esta medida e decidiuse pechar universidades, EOI e conservatorios e manter abertos escolas e institutos. Tamén pesou a opinión dalgún sanitario que apostou por incrementar as medidas para conter esta terceira onda.
Fontes do Goberno galego cosultadas por GC confirman que no Executivo galego si se baralla a opción de adiantar o toque de queda ás 20.00 horas pero non foi un tema abordado no Comité Clínico. "Está sempre enriba da mesa e pode ser unha medida que se teña que adoptar no futuro se non melloran as cousas", apuntan. Outras fontes da Xunta consultadas negan que se lle deran instrucións aos distintos departamentos para poñer en marcha as medidas oportunas. "En todo caso, puido ser unha mala interpretación dalgún cargo", apuntan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.