Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/07/2013 | Actualizada ás 12:47
A esquerda galega perde a un dos seus actores máis destacados das últimas catro décadas. O histórico líder comunista Anxo Guerreiro Carreiras, 'Geluco' (Xermade, Lugo, 28 de agosto de 1945) finou a pasada madrugada. Segundo fontes próximas ao histórico político consultadas por EP, Guerreiro estaba enfermo e, malia que "mellorara", o seu estado de saúde era "delicado".
Guerreiro afiliouse ao Partido Comunista nos seus anos mozos, da man do histórico Rafael Bárez e de Arturo Reguera, cando foi estudar a Santiago de Compostela a carreira de Químicas. Alí, e inspirados polo maio do 68 francés, protagonizou xunto cos seus camaradas unha intensa vida política na clandestinidade e de resistencia contra a ditadura franquista que o levou ao cárcere da Coruña en tres ocasións.
A súa afouteza levouno a principios dos anos 70 a formar parte do comité central do Partido Comunista Galego e a converterse nun referente da loita antifranquista, tanto en Santiago, como tamén en Vigo e Ferrol, á fronte das protestas contra a represión.
Guerreiro pasaría logo a formar parte do comité central do Partido Comunista en Madrid e xa en 1979 foi elixido secretario xeral do Partido Comunista de Galicia, converténdose en 1981 no primeiro deputado comunista do Parlamento galego.
Guerreiro formou parte tamén da comisión de 16 persoas que redactou o Estatuto de Autonomía galego, e posicionouse como partidario do eurocomunismo.
En 1986 fundou Esquerda Unida-Esquerda Galega, formación que abandonaría en 1997 tras atopar a oposición da dirección federal de Izquierda Unida e do seu líder, Julio Anguita, ao pacto de coalición cos socialistas para as eleccións autonómicas daquel ano. Guerreiro decidiu entón abandonar esta formación e fundar Esquerda de Galicia, á que representou na súa volta ao Parlamento galego; foi un dos deputados máis destacados e recoñecidos daquela lexislatura. Porén, no ano 2001 atopouse coa negativa dos socialistas para renovar o pacto de coalición e Guerreiro presentouse coa súa formación en solitario a aqueles comicios, nos que os malos resultados o levaron a dimitir do seu cargo e, posteriormente, a disolver Esquerda de Galicia en 2002.
Nos últimos anos, Anxo Guerreiro foi colaborador habitual de varios medios de comunicación como analista político. E foi un dos fundadores da asociación cultural Namentras no ano 2009.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.