Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2021 | Actualizada ás 14:12
Galicia pecha o mes de xaneiro coas peores cifras de covid rexistradas en toda a pandemia. Aínda que, a nivel de presión hospitalaria, o peor semella estar na área da Coruña --con chamadas de atención constante por parte dos seus sanitarios-- na área de Ferrol tamén veñen de saltar as alarmas ante o traslado recorrente de pacientes covid a outros centros hospitalarios.
O traslado de doentes, que volveu ter lugar nas últimas xornadas, tería moito que ver cunha situación de “colapso sanitario” denunciada a Galicia Confidencial por fontes dun centro hospitalario da cidade naval. Os traballadores consultados, que prefiren permanecer no anonimato por “temor e medo a represalias”, dan conta dunha saturación que afectaría á totalidade de hospitais da área de Ferrol.
Para mostra das dificultades desta área sanitaria, os profesionais consultados dan cifras da situación das UCI no pasado día 24. Segundo explicaron a este xornal, a UCI do Hospital Naval estaba entón xa ao 100% de ocupación --“10 de 10”, sinalan-- unha circunstancia que obrigou a “abrir catro camas máis no sitio da cirurxía ambulatoria”. A situación, de acordo coas mesmas fontes, non era moito mellor no antigo Arquitecto Marcide, con 9 de 10 camas da UCI ocupadas e 8 de 10 na REA, habilitada para aloxar pacientes covid ante a saturación da unidade de críticos orixinal.
93% DE OCUPACIÓN
En liñas paralelas, o xerente da área ferrolá, Ángel Facio Villanueva, recoñece que os complexos da cidade naval están a verse sometidos a unha "presión importante" neste punto da terceira vaga. De acordo con Villanueva, a área de Ferrol conta con 30 pacientes críticos dun total de 32 camas, unha ocupación superior ao 90% que obriga a "traballar con outros centros da rede pública" para efectuar uns traslados que, segundo puido coñecer Galicia Confidencial, tiveron tamén lugar na mañá deste xoves. En concreto, de acordo coa Xerencia, foron trasladados dous pacientes de planta convencional para o HULA.
Segundo apunta Villanueva, o traslado de pacientes na área de Ferrol non deixa de ser unha situación "ordinaria" e que se desenvolve, explica, "anticipándonos á situación en base ao plan de continxencia que temos sobre a mesa". Distinta é a opinión dos sanitarios consultados por GC, que critican a suposta “falta de previsión” dos seus superiores. “A xerencia foi por detrás da situación en toda esta crise, en ningún momento foi capaz de trazar un plan con antelación”, explican os profesionais antes de avanzar que os fan “responsables” da situación límite que denuncian.
NON SE DESCARTAN TRASLADOS
Neste aspecto, as fontes consultadas por GC afean que a “falta de liderado” da Xerencia provocara que “se teñan que montar espazos a última hora, sen que estivera previsto”, e que as UCIs se vexan ocupadas por persoal “sen a formación adecuada”. “Isto prexudica seriamente a seguridade do paciente”, aseguran os sanitarios, que alertan casos de “enfermeiras que non viran un respirador na súa vida” e que “cunha formación de 15 días, no mellor dos casos”, son lanzadas a se enfrontar a unha “situación límite”.
Ante estas cuestións, dende a Xerencia defenden que a mobilización de persoal está a ter lugar con "persoal con experiencia en críticos". "Loxicamente, incorporamos a persoal con experiencia nese ámbito", explica Facio Villanueva a respecto dun incrememento de RRHH consecuencia da ampliación de camas de UCI. O Xerente explica que "non descartan" volver a efectuar traslados de pacientes críticos: "esta é unha situación na que, se temos que apoiarnos noutro centro da rede para ter maior capacidade de resposta, farémolo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.