Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 22:00
No momento en que se len estas liñas resulta xa innegable que Galicia se atopa no peor momento coñecido da pandemia. Ou, quizais, das pandemias, xa que, en realidade, son dúas e non unha. Están a pandemia de dentro e a pandemia de fóra. A pandemia de fóra é o runrun televisivo, o fastío da máscara inevitable, a imaxe borrosa e distante --case onírica-- das luces azuis de ambulancias que cruzan o horizonte. A pandemia de dentro, a real, comeza cando o que parecía alleo nos salpica. A pandemia de dentro é o peche da tenda familiar; un SMS do Sergas coa palabra POSITIVO, a chamada dun amigo próximo para contarnos que o seu avó faleceu o sábado pasado no Clínico da Coruña: “ingresárono o mércores, pero xa vían que estaba moi mal...”.
Nestes 12 longos meses de pandemia, os únicos que desfilaron á marxe da dualidade dentro-fóra foron os sanitarios. Para eles, a covid foi real dende o día 1, dende ese primeiro paciente diagnosticado cunha pneumonía que despois resultou ser algo máis. O esforzo de ter que ollar á cara dun horror que quedaba no ángulo morto do resto foi recoñecido coa fugaz homenaxe dos aplausos, hoxe tan esquecida, tan distante.
Remotos semellan, en xeral, todos os actos deseñados para honrar os profesionais da pandemia e, de paso, depurar as posibles responsabilidades políticas dunha xestión dubidosa. Porque a canonización dos sanitarios foi tamén un xeito de invisibilizar a precariedade das armas coas que moitos deles tiveron que facer fronte ao maior desafío sanitario no que vai de século.
“MALTRATO” E “FALTA DE PERSOAL”
En Galicia hai moito que falar a este respecto. Unha década de goberno baixo o mando de Alberto Núñez Feijóo deu para ducias de denuncias contra a “precarización” e “privatización” do modelo sanitario galego, dúas cuestións que hoxe poderían estar a pasar factura na loita contra a covid. Cando menos, iso é o que se desprende dos testemuños de sanitarias en primeira liña consultadas por Galicia Confidencial. As traballadoras da UCI do CHUS, nestas semanas en constante mobilización, denuncian unha “falta de persoal” na unidade de críticos que, din, é consecuencia da política de “maltrato constante” da súa xerencia.
Galicia Confidencial xa retratou en ocasións anteriores as dubidosas prácticas do Sergas á hora de xestionar os recursos humanos da sanidade pública galega. “Hoxe en día é como apuntarte a unha ETT”, explicaba un sindicalista a este xornal no pasado mes de agosto. Lonxe de ser unha cuestión do pasado, a problemática dos contratos temporais segue vixente en plena terceira vaga, dificultando a conciliación dos traballadores e provocando, en última instancia, que cada vez máis persoas abandonen as listaxes de contratación ao quedar “queimadas”.
Da trintena de persoas que operan na UCI de Santiago hai 4 nunha situación de especial desprotección. Son os profesionais contratados “en terzo de xornada”. Estes sanitarios teñen por obxectivo cubrir as horas baleiras dos traballadores fixos que, por incompatibilidades, non poden exercer toda a súa quenda. O problema é que, segundo fontes da UCI, o Sergas recorre aos empregados en terzo de xornada para facer quendas máis extensas do contemplado e así non ter que contratar persoal a tempo completo.
“XOGAN CON QUE COBRAS POUCO”
De acordo cunha sanitaria que prefire non revelar o seu nome, o habitual nestes casos é que os traballadores “fagan horas extras a miúdo”, principalmente porque o terzo de xornada dificilmente dá para vivir: “equivale a traballar 7 ou 8 días ao mes”, explica. A desvantaxe das horas extra é que “nin se cotizan [no tocante ao paro] nin se puntúan”, unha circunstancia que permite ao Sergas “aforrar bastantes cartos”, en retranqueiras palabras da mesma fonte.
Raquel, outra sanitaria da UCI de Santiago, pon en claro a estratexia da Xerencia compostelá.
“Con esta política aforran contratacións, e ao non contratar a unha persoa estás aforrando en seguros, en seguridade social...”. Este modelo laboral imposibilita, na práctica, calquera tipo de conciliación: “é unha merda porque te poden chamar en calquera momento”, resume a traballadora anónima. Esta profesional, que dá conta de “chamadas ás 12 da noite para dicirche se podes ir ao día seguinte”, denuncia o mecanismo de presión usado polo Sergas para mantelos nas listas: “xogan con que, cos terzos de xornada, o teu soldo é escaso. Saben que che interesa facer todas as horas extra que poidas”, apunta.
SEN DÍAS LIBRES
O “aforro” que, supostamente, tira o Sergas grazas a este modelo de contratación revirte nunha situación de permanente “falta de persoal” xa denunciada polos sindicatos. Como resultado deste déficit crónico, os descansos obrigados por lei son cada vez máis escasos. “Houbo xente que pediu días libres e a supervisora de área rompeullos na cara”, testemuña Raquel. “’Total no te los voy a dar porque no hay gente’, díxolle”.
Xavi Alvedro, de CIG-Saúde, corrobora as dificultades que atopan os sanitarios do CHUS á hora de desfrutar dos días libres acumulados. “A xerencia decidiu unilateralmente suspender todos os días de libre disposición a partir de novembro”, explica. O conflito chega porque moitos destes traballadores dispoñen de ata 15 días libres que, de non ser concedidos, caducarían o 31 de marzo. “O Sergas ten un verdadeiro problema con isto”, subliña Alvedro, “porque a previsión é que a pandemia siga empeorando”.
CAIXEIROS DE SUPERMERCADO
Malia os recursos da Xerencia compostelá, o certo é que nos últimos meses o hospital clínico está a sufrir unha falta de persoal nas UCI que, din as mesmas fontes, ten moito que ver cun baleiramento das listaxes de contratación. “Non hai xente porque os maltratan e danse de baixa nas listas”, explica Raquel. “A xente prefire traballar de caixeiro nun supermercado a que os maltrate o Sergas. Alí, polo menos, saben cando teñen que ir a traballar e que horario van ter”, espeta.
A denuncia dos mecanismos de contratación do Sergas chega pouco despois de que as sanitarias da UCI do CHUS denunciaran que, en plena terceira vaga, seguen a usar EPIs conformados con cubrecolchóns e batas protectoras “ultrarremendadas”. As traballadores, que na xornada do martes 26 se mobilizaron ante a Consellería de Sanidade, levan en folga simbólica dende o pasado mes de novembro, momento no que se rebelaron contra a xerencia comandada por Eloína Núñez por non ter realizado unha obra na UCI comprometida a finais da primeira vaga. Coa incidencia de covid en máximos históricos, a loita continúa.
Unha vez máis, Confidencial púxose en contacto co Servizo Galego de Saúde e a Área Sanitaria de Santiago de Compostela para tentar coñecer a versión da Xerencia a respecto das denuncias de sanitarios e sindicatos aquí recollidas. Na xornada de publicación desta peza non consta resposta algunha da man das autoridades sanitarias aludidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.