Por Gamela | GC ABERTO | 20/07/2013
Imos dar unha voltiña por Vigo... se queredes acompañarnos no paseo, poderedes observar como o feismo ten un lugar de honra na cidade olívica. Levamos anos padecendo as declaracións (urbi et orbi) do alcalde Abel Caballero, que estase facendo "odioso" grazas a declarar "persoa non-grata" a medio mundo, mais de autocrítica non entende nadiña!
A cidadanía de Vigo non merece sofrir a diario os desprezos deste megalómano, que atopou no Concello de Vigo a súa plataforma particular para facer canto lle peta sen que exista oposición algunha ás súas alucinacións cotiás.
Xa é de sobra coñecido por tódolos vigueses a súa preocupación pola publicidade nos medios. Ata o punto de manter un programa por duplicado en ámbalas dúas canles locais de televisión (TeleVigo e Localia) "Diálogos con el Alcalde" e "Vigo de cerca".
O que non sabemos é canto pagamos por esta intensiva presenza nos medios, pero é curioso que nos Plenos do Concello apenas deixe falar a ninguén e mesmo ten impedido a asistencia do público aos plenos, a máis de eliminar -sen aviso previo- os foros que existían no sitio web do Concello. É un xeito de dialogar moi curioso: cando alguén pode responderlle o ignora, pero cando fala el só, pode falar horas enteiras sen parar...
Como calquera poderá comprobar estes programas non son máis que "monólogos" do alcalde erixíndose en factotum do benestar da cidadanía (se queres un banco na beirarrúa está feito! se hai que resolver o Tax Lease mesmo lle dá instruccións precisas a Joaquín Almunia mentras deseguido o declara persoa non grata!) pero resolver os temas urxentes para poñer Vigo no século XXI (entre as cidades con mobilidade sostible ou deseñar unha verdadeira política cultural con proxección cidadá) esto é algo que lle importa un bledo.
Nunha palabra, temos un alcalde "opinador-unilateral-a-tempo-completo" nos medios de comunicación, e desaparecido da verdadeira xestión municipal. Estamos fartos das múltiples "declaracións políticas" que consiguen cabrear a medio mundo contra a cidade de Vigo, por culpa deste falabarato cuxo único mérito -segundo el mesmo repite- é ser ex-ministro de transportes... e disque, con moitas relacións directas que ao parecer non lle serven absolutamente para nada...!!!
Eso sí, INSULTAR a toda a oposición, comezando polo PP e seguindo pola Xunta de Galicia e rematando polo BNG (que misteriosamente o mantén no sillón) niso é un auténtico campeón.
Sabemos que o BNG non permitirá na vida que o PP acade o goberno municipal en minoría (antes morrer que traizoar as ordes expresas de Paco Rodríguez!) e así Abel escarállase da risa, afirmando que a el non hai quen o bote da Alcaldía de por vida!
Algúns estamos fartos de vivir na cidade de Abel Caballero. Certamente Vigo foi sempre unha cidade confusa e polifacética, cicais nunca foi máis que un pobo grande, coas virtudes e defectos de calquera pobo (onde todo o mundo se coñece e onde ninguén quere tirar da manta non vaia a ser que quedemos todos sen o cobertor da indeferencia).
Os vigueses non queremos cuspir contra ninguén, queremos vivir nunha cidade fermosa -aínda por facer- coma a maioría das cidades e vilas de Galicia que nos últimos anos tomaron en serio o seu crecemento e planifiación urbanas.
Exemplos non faltan, a cercana Pontevedra xa ninguén lembra o que foi no pasado (dun caos circulatorio a un paraíso urbanizado), seica A Coruña conta xa con máis de 20 kilómetros de carril-bici e ninguén pensou que fose imposible. Ourense soubo urbanizar o termalismo e facer do río a súa seña de identidade. Mentras Vigo a pénas conta coas mellores praias do sur de Galicia e punto final.
Vimos de inaugurar fai un ano o Auditorio Mar de Vigo e non ten programación algunha mentres as concesionarias xa presentaron suspensión de pagos (Hotel e Restaurante nin siquera poden pagar as facturas da luz). O IFEVI é unha cousa rara, alá arriba naquel monte, que seica agora vaise converter noutro pelotazo urbanístico denominado Porto Cabral (cunha pista de esquí como reclamo absurdo!).
A Cidade do Mar non é máis cun soño, mentras as instalacións da ETEA seguen deteriorándose perdidas entre a burocracia kafkiana das múltiples Administracións (Universidade, Zona Franca, Portos do Estado, Concello de Vigo, Xunta de Galicia...)
Do aeroporto de Peinador mellor nin falamos. Da Estación de Autobuses, tódolos viaxeiros que a sofriron terán pesadelos inesquecibles... En Vigo semella que nada funciona coma debera, e se funciona é precisamente porque niguén para máis do estrictamente necesario antes de sair correndo cara aos arredores... e senon que llo conten aos milleiros de turistas que atracan sen pena nin gloria na Estación Marítima de Vigo.
Poderíamos seguir pero mellor agochamos as feridas no corazón, non é de bo gusto mostrar os muñóns ante os forasteiros. Seica é mellor calar, e mentres calamos os espabilados coma Abel Caballero enchen os petos con salarios inmerecidos.
A política local está nas súas horas máis baixas, ninguén confía xa que sexan os políticos os que melloren a calidade de vida desta peculiar cidade de aluvión. Ao máximo que aspiramos é que nos deixen tranquilos e, a ser posible, que os prezos públicos e taxas non sigan subindo ao ritmo que o fan... os milagres xa nin siquera llos pedimos ao Santísimo Cristo!
Vigo é unha cidade onde os coches comeron o territorio dispoñible para as persoas. Ata o punto de que son multitude os vigueses e viguesas que non se atopan ben sen escoitar un motor ou respirar un tubo de escape ao seu carón, é dificil quedar con alguén sen antes pactar o lugar de aparcamento, e resulta case imposible topar un lugar tranquilo en toda a cidade.
Exportar vehículos a medio mundo fainos xenéticamente vulnerables á velocidade e ao ruído!
De feito a auténtica iniciación á cidadanía viguesa consiste en sacar o permiso de conducir, mercar un coche, e acelerar cara ao CUVI presumindo de universitario, tan alonxada está a Universidade de Vigo que mesmo poderíamos considerala totalmente allea á propia cidade. Subir ao monte é unha expresión equivalente a fuxir da Cidade!
Mentras aqueles que fuxiron da cidade non volvan a ela, Vigo permanecerá en mans de traidores!
Velaí o noso diagnóstico: Vigo padece unha orfandade crónica!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.