Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/01/2021 | Actualizada ás 12:18
O goteo de pacientes con covid-19 hospitalizados non cesa en Galicia, que suma outros 50 ingresados máis noutra xornada cos contaxios detectados por enriba dos 1.300 (1.225 por PCR), a taxa de positividade roldando o 10% e os casos activos marcando novo teito da pandemia, aínda que se observa certa retardación no incremento do total de persoas con enfermidade activa en Galicia. Así se desprende dos datos da pandemia publicados este domingo pola Consellería de Sanidade, que publica diariamente as cifras da crise sanitaria con información solicitada ata as 18,00 horas do día anterior (neste caso, o 30 de xaneiro de 2021).
Deste xeito, a presión sobre os hospitais galegos mantense en aumento cunha xornada na que subiu a 1.362 o número total de pacientes ingresados, 50 máis que 24 horas antes. Tamén se incrementan as persoas que requiren coidados intensivos, que son xa 232, catro máis que o día anterior.
Todo iso nunha xornada na que os contaxios detectados situáronse de novo por enriba dos 1.300. Foron, en concreto, 1.331 as persoas diagnosticadas con covid-19 por calquera tipo de proba, das cales, 1.185 deron positivo (-74) nunha das 12.580 probas PCR practidas durante o día (1.310 test menos que 24 horas antes).
Así mesmo, o total de casos activos volve elevar a marca da pandemia cos 22.608 deste domingo, catro veces máis dos que había na despedida do ano 2020 hai un mes.
Só a área da Coruña, a máis afectada das sete nas que se divide o sistema sanitario galego, ten xa máis casos activos e máis pacientes hospitalizados dos que había antes do Nadal no conxunto de Galicia.
Neste sentido, a zona de influencia da cidade herculina suma 395 hospitalizados (+3), dos cales 82 están na UCI (+3).
As cifras da área coruñesa dobran o seguinte distrito con maior número de pacientes ingresados, Ferrol, onde nas últimas horas aumentaron a 185 (+11) os hospitalizados con covid-19, 24 deles en críticos (-1).
Con esta evolución Ferrol sitúase por diante de Ourense, zona na que tamén subiron os ingresados ata os 184 (+2), 13 en UCI (-1); e Santiago, onde se incrementaron a 183 (+12), 42 deles en críticos (+2).
A continuación atópase Vigo, distrito no que tamén subiron os ingresados, aínda que de forma mínima ata os 175 (+1). Destas persoas, 21 requiren coidados intensivos (sen cambios).
Pontevedra-Salnés presenta a maior variación da xornada con 13 pacientes ingresados máis que deixan o total en 154, 30 en coidados intensivos (+1).
Lugo mantense como a área con menos pacientes hospitalizados e é a única onde baixaron nas últimas 24: son 73 (-5), 19 en UCI (-2).
CONTAXIOS DETECTADOS
Así as cousas, Galicia suma outros 1.331 contaxios detectados en 24 horas (por calquera tipo de proba), que elevan a 97.112 as persoas que contraeron o virus desde o inicio da pandemia.
Un total de 1.185 casos foron detectados por positivo nunha das 12.580 probas PCR practicadas á longo da última xornada (van 1.410.559 test durante a crise sanitaria).
Isto supón unha taxa de positividade do 9,6%, aínda moi por enriba do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia e do que Galicia non baixa desde o 24 de decembro.
Todas as áreas superaron esa porcentaxe, á que tan só se achegaron Santiago (6,4%) e Lugo (6,5%); mentres que case se triplicou en Ferrol (13,5%) e Pontevedra (12,5%).
Con todo, o distrito que maior número de contaxios diagnosticados achegou na últimas hora foi de novo A Coruña-Cee con 339 novos casos (+19). E é que só Ferrol quedou por baixo da centena de contaxios descubertos con 91 (-41).
En Vigo superáronse os 200 contaxios detectados nun día cos 277 notificados (+26), mentres que o resto movéronse entre os 100 e os 200 con Santiago-Barbanza á cabeza a pesar de reducirse en 90 os casos destapados respecto ao día anterior (foron 176 en total). Pontevedra achegou 168 (-40), Ourense, 156 (+20) e Lugo, 124 (-55).
CASOS ACTIVOS
En canto aos casos, como se produce diariamente desde hai máis de dúas semanas, o dato da xornada, 22.608, supón nova marca da pandemia, aínda que se aprecia unha desaceleración no ritmo de crecemento diario, que chegou a ser dun milleiro hai unha semana e este domingo queda por baixo da centena (+97).
Por áreas, A Coruña-Cee rompe a barreira das 6.000 persoas con enfermidade activa, limiar que nunca alcanzara Galicia ata a primeira semana desta terceira onda da pandemia. O distrito coruñés ten un total de 6.020 casos activos (+36), 2.000 máis que o seguinte con maior número de persoas con covid activo, Vigo, que suma 3.851 (+5). A continuación atópase Santiago-Barbanza, con 3.425 (-20), seguida de Ourense, con 2.949 (-14); e Pontevedra, que contabiliza 2.455 (-90).
Pola súa banda, Lugo conta con 2.129 casos activos (+8), mentres que Ferrol, a pesar de ser a segunda con máis hospitalizados, é a que menos pacientes con enfermidade activa contabiliza, con 1.779 (+8).
ALTAS, CASOS E FALECIDOS
Así as cousas, en Galicia contaxiáronse de coronavirus 97.112 persoas desde o principio da pandemia. A área da Coruña-Cee foi a máis afectada, cun total de 22.305 diagnosticados, seguida de Vigo (18.632), Santiago-Barbanza (15.875), Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras (13.169), Lugo-A Mariña-Monforte (10.240), Pontevedra-O Salnés (10.293) e Ferrol (6.589).
Do total de persoas afectadas pola covid-19 curáronse 72.756 --1.225 nas últimas 24 horas--, mentres que a cifra de falecidos alcanza xa os 1.761, logo de que Sanidade notificase nas últimas horas 9 falecidos con covid-19.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.