Por Galicia Confidencial | Santiago | 23/07/2013 | Actualizada ás 12:39
A tradicional división na esquerda do país tradúcese nunha multitude de actos por mor do Día Nacional de Galicia. Esta é unha pequena guía, non exhaustiva, dos eventos políticos que acollerán as rúas de Compostela durante a próxima festa nacional de Galicia:
24 de xullo
Alternativa Galega de Esquerdas (coalición de EU, Anova, Ecosocialistas e Equo) fará lectura do seu manifesto polo "Día da Matria Galega" diante da que foi a sede da editorial e imprenta Nós, na rúa do Vilar número 15 de Santiago de Compostela este mércores ás 11:30 horas.
Como todos os anos, no serán as mocidades do Bloque organizan unha acto de homenaxe a Castelao e Rosalía no Panteón dos Galegos Ilustres no mosteiro de Santo Domingos de Bonaval. Nesta edición tocarán o gaiteiro Xosé Manuel Sánchez Rei e os cantautores Tino Baz e Alba Rodriguez.
A organización de mozos da fronte tamén é corresponsábel do Festigal, que o 24 comeza a andar coas tradicionais actuacións no Campus Universitario Sur. A partir das 10:30 da noite tocan A Quenlla, Sés, Nao e Festicultores Troupe. O 25 os concertos serán pola tardiña e non pola noite, como noutras ocasións
Galiza Nova é unha das organizacións de mozos que convocan unha manifestación a prol da soberanía. Sairá ás 20 horas da Alameda e está coorganizada tamén por Adiante, Agir, AMI, Briga, Comités,Isca! e Liga Estudantil Galega. Trátase do acto máis unitario dos próximos días, en palabras dos organizadores "un paso moi importante na unidade de acción de quen desde a autoorganización xuvenil e estudantil defenden un proxecto de liberación nacional e transformación social".
O grupo municipal soberanista Candidatura do Povo organiza o "II Festival do Pobo". Será na dársena de autobuses de La Salle, ao carón do museo CGAC. Actuarán, entre outros, Os Daría, Vicky Polar e Labregos no Tempo dos Sputniks. A cita é as 21 horas.
Haberá tamén música no Campus Sur da USC grazas a BRIGA. Estes mozos soberanistas programan as actuacións de Os Tres Trebóns, Rebeliom do Inframundo e Fracasados de Antemano a partir das 23 horas.
A Assembleia da Mocidade Independentistas (AMI) anuncia cambios nos horarios dos seus actos do 24 de xullo. As 14 horas haberá Xantar na Praza das Ánimas, as 15 horas unha foliada popular e as 20 horas a tradicional "Rondalha da Mocidade Independetista" que sairá da Alameda.
AMI é un dos colectivos que axuda a difundir os actos a prol dos reclusos soberanista que artella a plataforma Ceivar. A súa "VI Cadeia Humana pola Liberdade d@s Pres@s Independentistas" está convocada para as 18:00 horas na Praza de Galicia.
25 de xullo
Compromiso por Galicia desenvolverá as súas actividades no parque de San Domingos de Bonaval de Santiago. Terá como elemento central, ás 13 horas, un acto político que contará coa intervención do Secretario Xeral da organización galeguista, Xoán Bascuas. Entre o programa de actividades destaca tamén unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres ás 12 horas e xa na sesión de tarde o concerto de Os Perucos e Narf, ademais do monólogo de Evaristo Calvo. Igualmente desenvolverase un xantar de confraternidade e no que haberá habilitada unha zona infantil.
"Que se lixe a troika. Non debemos, non pagamos!" A Plataforma para a Auditoría Cidadá da Débeda (PACD) acudirá baixo este lema á manifestación do 25 de xullo as 12 na Alameda.
Tamén ao mediodía da Alameda partirá a manifestación do Bloque. Rematará na Quintana cos discursos de Xavier Vence, voceiro nacional, e o responsábel de Galiza Nova, entre outros. O lema é "Galiza pola soberanía". Despois os simpatizantes da fronte teñen unha cita co tradicional xantar na zona da Alameda e do Campus Sur.
A poucos metros estarán os militantes de Anova-Irmandade Nacionalista. Será na praza de Mazarelos, dende as 12:30 h. Haberá música e en torno ás 13:00 h terán lugar as intervencións políticas, pechadas polo discurso do portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras. Ás 14:30 h aproximadamente está previsto un xantar popular en Belvís, cunha polbeira e unha carpa para xantar. A organización explica que para xantar na carpa non é preciso anotarse previamente, que o menú costa 12 € e inclúe polbo, patacas, pan, viño e refrescos e que tamén se pode xantar no parque de xeito autoxestionado. Pola tarde, ás 17 horas o Aberto de Billarda do Día da Patria, da Liga Nacional de Billarda, e posto de venda de crachas e camisolas da mocidade de Anova.
A " organizaçom popular e assemblear galega ao serviço da luita pola independência nacional e o Socialismo" Causa Galiza convoca unha manifestación baixo o lema "Com passo firme face a independência. Liberdade pres@s independentistas. Stop repressom" na que piden "os a rutura com o regime e o Estado espanhóis, a urgência histórica de avançar na via independentista e a importáncia das unidades de açom enquadradas em chave de soberania nacional e rutura democrática". A hora e lugar de partida da marcha son as mesmas que na convocatoria do Bloque. Está previsto que remate en Mazarelos, onde as 12:30 Anova anuncia o seu acto político.
O partido independentista NÓS-UP informa que o "Governo municipal de Compostela denega jantar do Dia da Pátria nos jardins de Sam Roque" pero que "NÓS-UP realizará o jantar de confraternizaçom após finalizar os atos políticos do Dia da Pátria, num espaço alternativo do queal informaremos amanhá". A súa manifestación está anunciada para as 12:30 dende a Alameda de Compostela. O xantar, en lugar por determinar, as 15 horas.
Actos de formacións non nacionalistas
Xa lonxe de Compostela, Esquerda Unida organiza o acto "Un pobo en rebeldía polos dereitos nacionais" as 12 horas na entrada do antigo cárcere provincial da Coruña. Os comunistas defenden, lembrando as palabras do loitador antifascista Santiago Álvares, o dereito do pobo galego "a dispor libremente dos destinos nacionais; mesmo o de arredarse do estado que viña formando parte: manterse independente ou xunguirse a outro estado".
Nin PSOE nin PP confirmaron aínda os horarios dos seus actos polo 25 de Xullo. Tradicionalmente os socialistas fan unha homenaxe a Castelao en Rianxo e as mocidades dos conservadores unha ofrenda floral a Rosalía en Bonaval. En canto se confirmen os horarios, incorporanse a esta axenda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.