Treboada, Neboada ou Xeada... a imaxinación das eólicas nos novos parques ao carón de zonas protexidas

Os proxectos destes parques amosan semellanzas cun proxecto de Norvento anulado polo TSXG pola "fragmentación irregular" do seu proxecto. Formacións ecoloxistas denuncian que a Xunta recorre a este movemento "ilegal" para esquivar a regulación ambiental.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Xunto cos “apoios” supostamente prestados ao ‘lobby’ da caza, a política de eólicos da Xunta de Galicia vén de ser unhas das cuestións máis sinaladas --alén, evidentemente, da pandemia-- no seo da xestión do goberno de Núñez Feijóo. Nos últimos meses cada vez máis plataformas ecoloxistas e grupos veciñais veñen de apuntar ao executivo galego por unha proliferación de proxectos eólicos criticados por un aparentemente escaso respecto ao medio natural e por prácticas catalogadas de “ilegais” e que xa foron revocadas pola Xustiza.

Parque eólico. NATURGY - Arquivo
Parque eólico. NATURGY - Arquivo

O elemento máis criticado no marco destas supostas irregularidades garda relación coa aprobación por parte da Xunta destes proxectos. Os parques eólicos, pola súa grande incidencia no medio natural, deben de pasar unha declaración de impacto ambiental na que se detalle e cuantifique cal será o potencial dano das instalacións sobre o seu medio. O problema é que, de acordo con diversas asociacións verdes, a Xunta estaría a fragmentar “artificialmente” estes proxectos para evitar declaracións de impacto negativas que impidan o impulso aos parques.

Neste aspecto, Galicia Confidencial tivo acceso a un documento da Xunta de Galicia no que se detallan as particularidades de cinco proxectos eólicos situados con escasas distancias entre eles e que mesmo comparten servizos e prestacións. Xustamente, o TSXG ordenou a anulación da licencia dun parque eólico de Norvento porque incorrera na fragmentación “artificial” das súas partes, problema que podería recaer novamente sobre estas instalacións situadas nas provincias de Ourense e Lugo.

ACCESOS E SUBESTACIÓNS COMPARTIDAS

Segundo consta na web da Consellería de Medio ambiente, dos 3 proxectos eólicos para os que consta información --dos outros dous non se publicaron aínda detalles-- hai numerosos espazos de instalacións en común. O proxecto Ventumelo, de Wind Hero S.L., comparte co parque eólico Treboada --de Wind Grower S.L.-- o seu sistema de evacuación da enerxía, a liña de evacuación de 220 KV, unha subestación común e o transformador auxiliar da devandita subestación. O propio parque Treboada pode encarar no futuro dificultades ante a xustiza, porto que comparte acceso co parque Neboada --de outra empresa-- e Xeada --cuxos datos non se coñecen aínda--, así como liña de evacuación con outros tres proxectos. A esta circunstancia únese o caso da subestación común xa apuntada previamente. 

A dubidosa disposición destes parques gaña motivos de denuncia por parte do movemento ecoloxista galego ao ter en conta que os tres proxectos para os cales hai información se sitúan a poucos quilómetros de Zonas de Especial Conservación ou Monumentos Naturais, circunstancia que podería dificultar aínda máis a súa hipotética saída adiante. Queda por ver se, esta vez, o TSXG actuará coa contundencia amosada no caso da planta de Norvento. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta