Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/07/2013 | Actualizada ás 22:46
Máis de 80 mortos e 141 feridos. Esa é a cifra confirmada por GC de fontes consultadas logo do descarrilamento dun tren en Angrois, Santiago. O concello habilitou o Pavillón do Sar para levar os falecidos.
Os servizos de emerxencia estiveron traballando ao longo de toda a noite e a primeiras horas da mañán puideron acceder ao vagón máis danado que se atopaba incrustrado entre outros dous. Del retiraron xa case unha dúcia de cadáveres e non descartan que poidan haber "moitos máis".
Hipóteses
Nun primeiro momento falouse de que se podía ter tratado dun atentado, pero fontes presencias aseguran que o motivo puido ter sido unha elevada velocidade. En todo caso, as investigacións sobre o accidente seguen abertas.
O tren, un Alvia, cubría o traxecto entre Madrid e Ferrol descarrilou pasadas as 20.30 horas. Testemuñas presenciais afirman que o tren se partiu en dous, e a máquina e os catro primeiros vagóns descarrilaron, outro intermedio voou sobre un terraplén até caer moi preto das vivendas, e o resto envorcou.
Veciños da zona tamén indicaron que chegaron a escoitar un ruído, previo ao descarrilamento, e acto seguido xa se produciu unha gran fumareda. Até o lugar desprazáronse efectivos da Policía Nacional, así como un equipo de bombeiros, ambulancias medicalizadas, e unha representación da Xunta.
Reforzo de médicos
O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) reforzou os servizos de urxencia, e até o complexo médico foron trasladados por agora un cincuenta feridos, informan fontes sanitarias.
A ministra de Fomento, Ana Pastor, e o secretario de Estado de Fomento, Rafael Catalá, así como membros da comisión de investigación de accidentes ferroviarios desprazáronse até o lugar do accidente.
Ademais das autoridades de Fomento, persoal de Adif e Renfe atópanse no lugar da traxedia para avaliar os danos.
Suspendidas as festas
Por outra banda, o Concello de Santiago decidiu suspender os actos previstos para as festas do Apóstolo, sobre todo, os tradicionais fogos desde a catedral. Aínda que os motivos oficiais é pola gravidade do accidente, fontes consultadas aseguran que, nun primeiro momento, se tomou a medida por motivos de seguridade, xa que logo do descarrilamento, incrementaronse as medidas de seguridade no entorno da catedral por temor a accións terroristas, descartadas, posteriormente, por Interior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.