Por Europa Press / Redacción | MADRID | 03/02/2021 | Actualizada ás 22:23
O Tribunal Supremo confirmou a sentenza da Audiencia de Madrid que tombou a demanda do exalcalde do Grove Alfredo Bea Gondar contra a editorial do libro 'Fariña' (Libro do KO) e o seu autor Nacho Carretero por vulneración ao dereito á honra.
Así consta nunha sentenza, á que tivo acceso Europa Press, na que a Sala do Civil desestima o recurso de casación interposto polo exalcalde pontevedrés contra a sentenza da Audiencia de Madrid que rexeitou a demanda.
O exalcalde emprendeu accións legais contra dita editorial e o autor do libro por "vulneración do dereito á honra" ao incluír o seu nome en dúas páxinas do libro. En declaracións a Europa Press, o autor do libro, Nacho Carretero, sinalou que a sentenza o deixa "satisfeito" e faille "confiar na liberdade de información e de expresión en España".
Carretero sinalou que a época na que se produciu secuestro de 'Fariña' foi "moi tensa, e desagradable" e que supón "un mal recordo". Así, relatou que unha vez se produciron as posteriores decisións xudiciais, o demandante "empezou a facer recursos" e o caso "foise estirando no tempo".
"Para min a sentenza representa o que un pouco tiña máis ou menos claro, que o feito daquela medida cautelar do secuestro foi unha decisión xudicial puntual, illada e para min incomprensible. De feito atreveríame a dicir que foi un erro xudicial xa non porque eu o crea, se non por todo o que logo foron desestimando o resto de sentenzas e instancias, desde a Audiencia Provincial de Madrid, ata o Xulgado de Collado Villalba e o Tribunal Supremo", engadiu.
Neste sentido, subliñou que "todas" as decisións xudiciais foron "contundentes e clarísimas" dicindo que "nunca tiña que secuestrarse o libro" e que "prevalece a liberdade de información" e que o que conta no libro "é veraz". "Iso é co que quedo como xornalista, déixame tranquilo, déixame satisfeito e sobre todo faime confiar na liberdade de información e de expresión en España", puntualizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.