Josefina Fernández, a número 1 de DomusVi Galicia xa vacinada: "é moi amiga de Feijóo"

Fernández saltou dun posto en Facenda a dirixir as residencias en Galicia do grupo máis criticado pola xestión da pandemia. Dende o sector apuntan á súa "amizade" con altos cargos do PP, en particular con Corina Porro e o Presidente da Xunta. En 2019 recibiu un premio da man de Francisco Conde. A Xunta xustifica a vacinación, pero a oposición quere que Feijóo compareza no Parlamento para explicar estas "irregularidades".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2021 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

Foi por decembro de 2019 que o entón conselleiro de Economía da Xunta Francisco Conde entregaba un premio a esa muller baixiña, loura e sorrinte que agora volve saír nos xornais. Entón ninguén a coñecía, pero máis tarde soubemos que levaba por nome Josefina Fernández. Josefina recibía o Premio Galicia Global da Xunta pola “internacionalización” da compañía que dirixía como conselleira delegada: a rede de residencias DomusVi. Que entón, claro, resultaba descoñecida para maioría dos galegos porque aínda non morreran nos seus centros da Comunidade centos de persoas.

Josefina Fernández, CEO de DomusVi, recibe o premio Galicia Global 2019 de mans de Francisco Conde, entón conselleiro de Economía da Xunta de Galicia. 19 de decembro de 2019. ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE DIRECTIVOS AED
Josefina Fernández, CEO de DomusVi, recibe o premio Galicia Global 2019 de mans de Francisco Conde, entón conselleiro de Economía da Xunta de Galicia. 19 de decembro de 2019. ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE DIRECTIVOS AED

A piques de cumprir o ano de pandemia, quedan poucas persoas en Galicia que non oíran falar das miserias denunciadas por familiares do internos nas residencias comandadas por Josefina Fernández. “DomusVi non é humano. DomusVi foi unha morgue”, apuntaban a Galicia Confidencial ao termo da primeira vaga; que, todo sexa dito, tería menor índice de mortalidade en residencias que a segunda.

A traxectoria persoal de Josefina Fernández, que ata hai unhas horas era unha cara descoñecida para o gran público, sufriu un tremor cando se coñeceu que a Xunta a vacinara sen que --presuntamente-- lle correspondera. O grupo de residencias que dirixe defendeuna como puido, argüíndo contacto estreito cos anciáns, pero o dano xa está feito. Con estes feitos na axenda pública, cómpre botar a vista atrás para responder á cuestión que latexa: quen é Josefina Fernández?

CONTACTOS EN POLÍTICA

"É moi amiga de Feijóo", apuntan fontes do sector

Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores
Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores | Fonte: xornalgalicia.com

Aínda que agora exerce como cabeza de DomusVi --di nas súas redes sociais que dende hai 20 anos-- Fernández saltou ao mercado laboral como funcionaria de Facenda. Por aquel entón, os centros de maiores da Comunidade estaban en mans das malogradas caixas --primeiro Caixanova, logo Novacaixagalicia--, e Josefina soubo abrir camiño para comezar a traballar nas direccións destas residencias. 

Fontes do sector aseguran que este ascenso meteórico tivo moito que ver coa “amizade” que Fernández profesa con certos altos cargos do PP. “É moi amiga de Feijóo”, apuntan dende Trega, unha hipótese que Asfareba secundaba nos seguintes termos meses atrás: “está moi vinculada ao partido”. Segundo a plataforma nomeada, que reúne familiares de persoas usuarias de residencias privadas, a propia Josefina Fernández recoñecía que chegara ao seu posto grazas ao impulso dos seus contactos en política. “Dixo que está en residencias da man de Corina Porro, as dúas son dunha mesma xeración, son moi amigas”, explicaban. De acordo coas mesmas fontes, a residencia de DomusVi en Barreiro, Vigo, “foi concesión municipal cando Porro era alcaldesa, que a concedeu a CaixaGalicia promovendo esta residencia en 2006”.

UN IRMÁN, ALTO CARGO

A escalada de Josefina Fernández ata o máis alto despacho de DomusVi en Galicia viría seguida dunha longa serie de denuncias, en ocasións incendiadas pola propia conselleira. O pasado mes de novembro produciuse un dos casos máis sonados, cando Fernández criticou a posibilidade de devolver ao sistema público o sistema de residencias, xa que implicaría “falar só de dereitos” e non de rendemento económico.

Á parte das moitas deficiencias denunciadas no marco das residencias de DomusVi, Fernández recibiu fortes críticas da man de familiares de residentes a razón de presuntos casos de “nepotismo” no marco dos centros. As traballadoras da residencia de Aldán aínda lembran cando, tralas primeiras filtracións das prácticas que tiñan lugar no centro, acudiu a “ameazalas” en persoa o director da Zona Norte de DomusVi, Pedro Fernández, que precisamente é irmán da conselleira delegada. “Ameazou ás traballadoras dicíndolles que había máis información fóra das residencias que dentro e cando isto acabe, tomarían medidas e rodarían cabezas”, recordaba unha traballadora. 

Na tarde do pasado mércores saltou á axenda pública a noticia de que tanto Josefina Fernández como o seu irmán --o nomeado Pedro-- foran vacinados contra a covid pola Xunta de Galicia malia que, segundo fontes de Eldiario.es, "non figuraba" na listaxe de traballadores a vacinar. A Xunta, pola súa banda, asegurou que, ao ser parte do persoal da residencia, era razoable que o medicamento lles fora inoculado.

PRESIÓN POLÍTICA

Polo momento non parece que as explicacións ofrecidas pola Xunta vaian a abondar para calmar a máis que previsible treboada política que se albisca no horizonte. Ás poucas horas de ser coñecida a nova, a líder da oposición Ana Pontón cualificou de "indecente" o sucedido na súa conta de twitter. "É unha labazada a dignidade deste país", sostén a voceira nacional do BNG, que cargou a "cara dura" da conselleira delegada ao "romper todos os protocolos" para inmunizarse.

 

Pola súa banda, o socialista Pablo Arangüena falou directamente de "insulto á cidadanía e aos falecidos" . "A amiga de Feijóo e conselleira delegada do imperio xeriátrico DomusVi non é persoal asistencial senón alta directiva e millonaria accionista", valorou. Pouco despois, as súas declaracións era afodadas pola deputada Marina Ortega, que volveu instar ao Presidente da Xunta a dar explicación na Cámara sobre estas vacinacións "irregulares". "A Xunta proporciona a vacina a estas persoas antes que outras que están pendentes, como son os sanitarios que están na primeira liña", censurou a deputada, que emprazou a Feijóo, a Sanidade e a Política Social a "dar a cara" e explicar estes feitos.

 

No mesmo sentido decorreron as iniciativas Ciudadanos e Esquerda Unida á hora de pedir explicacións á Xunta. Beatriz Pino, coordinadora do partido laranxa, argumentou que o Sergas "debe controlar mellor a quen está a vacinar". Pola súa banda, tras coñecerse a vacinación destas dúas persoas, a coordinadora de Esquerda Unida, Eva Solla, tamén esixiu á Xunta que compareza para dar explicacións públicas sobre o acontecido. Ata o momento non trascendeu resposta algunha da banda do Goberno autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alienao

É o lóxico proceder da colonia.