Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/02/2021 | Actualizada ás 17:43
Científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vincularon a terceira onda da pandemia con casos positivos cunha maior capacidade de transmisión da COVID-19, coñecidos como "supercontaxiadores", e o levantamento de restricións durante o período do Nadal.
Tras analizar máis de 166.000 xenomas completos do coronavirus, un traballo recollido pola revista 'Science', os profesores Antonio Salas e Federico Martinón resaltaron que os "supercontaxiadores" exercen como "catalizadores perfectos" e concluíron que "responsabilizar a unha cepa do caos que se vive é unha enorme simplificación do algoritmo da pandemia".
Neste sentido, remarcaron que os "supercontaxiadores" --un rol que poden exercer positivos de acordo coa fortaleza do seu sistema inmunolóxico ou o número de persoas coas que están en contacto diariamente-- seguen representando o "motor" da crise sanitaria. De feito, apuntaron que poden orixinar grandes gromos independentemente da variante predominante do SARS-CoV-2.
O grupo de investigación que lideran Salas e Martinón explorou o modelo de supercontaxio nunha base de datos máis ampla que a que utilizou nun traballo publicado en maio de 2020. Tras abordar centos de eventos ocorridos en distintas partes do mundo durante a crise sanitaria e analizar miles de xenomas do virus, o equipo confirmou que unha parte relevante da transmisión se debe ao supercontaxio.
Precisamente, o estudo reportou, entre outros, un de dous eventos de supercontaxio sucedidos en Boston durante a primeira onda e recolleitos pola revista 'Science'.
SEGUIMENTO DAS CEPAS
Así mesmo, o profesor Martinón sinalou a importancia de realizar un seguimento das cepas en circulación para identificar a necesidade de adoptar medidas preventivas e, se fose preciso, reorientar as vacinas dispoñibles ou en produción.
Neste sentido, os profesores incidiron en que a aparición de cepas novas é habitual noutros virus e recalcaron que o modelo de transmisión e o comportamento social "son dous potentes motores da pandemia".
De feito, Salas subliñou que un caso positivo que manteña as medidas de seguridade "prevén o contaxio, sexa portador ou non dunha variante ou outra", mentres que un supercontaxiador pode converter unha mutación que xorde nun único individuo nunha "predominante".
Tamén explicou que a capacidade infecciosa dunha cepa estúdase "nun espazo xeográfico concreto" e compárase con outras que "circulan no mesmo contexto epidemiolóxico", pero non con todas as do mundo ou as que se extinguiron.
Así, o profesor considerou que "responsabilizar a unha cepa do caos" actual representa "unha maneira eficaz de xustificar o que a nivel social non se soubo controlar" e supón simplificar a evolución da pandemia. "Cos datos actuais, as chamadas novas cepas non estaban a circular en España ou eran moi minoritarias en decembro, polo que parece razoable pensar que 'salvemos o Nadal' puido ser o detonante desta terceira onda", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.