Queres axudar a que os dispositivos móbiles falen e entendan galego? Segue estes pasos

O proxecto Trasno pide a colaboración da cidadanía galega para reunir máis de 5.000 frases curtas en galego e que as máquinas poidan, así, comunicarse na nosa lingua.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2021 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

Queres que o teu teléfono móbil fale e entenda galego? Pois isto está máis preto de facerse realidade. O proxecto Trasno, que leva anos colaborando coa Fundación Mozilla para que as persoas galegas teñamos dispoñible o navegador Internet Firefox na nosa lingua, vén de lanzar agora o plan "Common Voice en galego". O Common Voice trátase dun proxecto creado por Mozilla que ten como obxectivo posibilitar que as máquinas falen calquera lingua do mundo a través da tecnoloxía Open Source. 

Unha persoa utilizando o seu teléfono móbil. STADA - Arquivo
Unha persoa utilizando o seu teléfono móbil. STADA - Arquivo

Un asistente de voz, un lector de textos para persoas con necesidades especiais, asistente de condución en automóbil, un acompañante robótico para a vellez… son algúns dos exemplos nos que o galego, entende Trasno, "ten que estar presente". Segundo explican na súa presentación, para que os nosos dispositivos electrónicos poidan comezar a falar e entender o galego, precísase recadar un número importante de frases curtas de uso cotián - máis de 5.000 - para que, logo, falantes nativos galegos graven as súas voces interpretando esas frases recadadas. Así, a través deste proceso, é como se vai conformando un arquivo de frases que posteriormente reproducirán os dispositivos tecnolóxicos para atender as nosas necesidades. 

Polo momento contan xa con máis de 1.700 frases, e solicitan axuda de calquera persoa galegofalante para chegar ás máis de 5.000 que se precisan, posto que para que a intelixencia artificial do DeepSpeech poida crear o modelo da lingua galega, é necesario cumprir o obxectivo de 10.000 horas de fragmentos.

COMO PODES AXUDAR?

As formas de colaborar que propoñen dende o proxecto Trasno son diversas. "Agora estamos na fase inicial e o que necesitamos son máis de 5.000 frases redactadas orixinais vosas ou tomadas de fontes diversas", explican. É importante, advirten, que se poidan doar con licenza de dominio público. "Non se poden extraer nin de libros nin de sitios web a non ser que teñamos permiso dos autores ou propietarios". Deste xeito, cadaquén pode colaborar enviando entre cinco e 50 frases cotiás redactadas. Para facérllelas chegar, podes poñerte en contacto con eles en proxecto@trasno.gal ou darte de alta directamente no sistema de recollida de frases que teñen na web. 

Tamén podes colaborar no proxecto mediante a implicación no proceso de revisión das frases, que deben estar correctamente escritas en lingua galega. Máis adiante, una vez que se consigan máis de 5.000 frases validadas, abrirase o fase de gravación. Se ti es das que prefire locutar antes ca escribir, podes tamén involucrarte na gravación desas frases a viva voz, doando o teu estilo, acento e maneira de falar en galego. Neste caso, o proxecto Trasno pide que a persoa voluntaria lea máis de cinco frases. 

Desde Trasno animan a todas as persoas a colaborar para termos nun futuro non moi lonxano uns dispositivos electrónicos que nos comprendan como galegas. "Podes organizar unha quedada para recoller, revisar ou gravar pola túa conta e incorporarte ao proxecto de maneira directa", avisan tamén. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

Un tema super interesante. A colaborar tod@s!

1 Anxo

Pois si, hai que colaborar. Non hai asistentes de voz en galego. Que vergoña!!