Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2021 | Actualizada ás 13:51
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denunciou na Comisión Europea a preocupación sobre o proxecto de instalación de tres parques eólicos na provincia de Ourense (e parte de León) pola compañía norueguesa Statkarft, que se sitúan na proximidade da Rede Natura.
"Estamos a ver con preocupación que o afán desmesurado do goberno por instalar parques eólicos sen control pon en risco zonas de gran valor ambiental non só en Ourense, senón en todo o país", censura.
Para o BNG o problema non só radica na gran potencia dos tres parques proxectados, --o ourensán de Rebordechao e Prada, así como Barjas (León)-- cun total de 450 megawatts, senón que os tres evacuarían a electricidade na provincia de Ourense, mediante novas liñas de alta tensión de 220 KV construídas nunha lonxitude de 76 quilómetros, aproximadamente, en zonas que precisan protección polo seu alto valor ambiental.
En concreto, os previstos na provincia de Ourense sitúanse en Zonas Especiais de Conservación (ZEC) Ancares-Courel e Macizo Central.
COSTA DA MORTE
Miranda alerta de que estes parques, --igual que o proxectado no Monte das Salgueiras, que afecta os concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica--, sitúanse en zonas moi próximas á Rede Natura e en espazos susceptibles de ser incluídos nese espazo de protección.
Neste sentido, Miranda lembra que o Estado español "xa abriu un procedemento de infracción por non cumprir as directrices comunitarias ao non establecer obxectivos de conservación suficientemente detallados e medidas de conservación cuantificadas para as súas zonas especiais de conservación, que no caso de Galicia é bajísimo".
PROXECTO
A portavoz do Bloque en Europa remarca que o parque de Rebordechao contaría con 28 aeroxeradores que afectarían a Laza, Maceda e Vilar de Barrio, mentres que o eólico de Prada tería 31 aeroxeradores situados na Veiga, Carballeda de Valdeorras e O Barco de Valdeorras.
Pola súa banda, o de Barjas (León) estaría situado no Bierzo, e contaría con 22 aeroxeradores repartidos en Barjas, Oencia, Trabadelo e Vega de Valcárcel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.