Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2021 | Actualizada ás 12:57
Baixo o título 'Despois da pandemia. Reflexións e desafíos para Galicia' once artigos analizan o efecto da crise sanitaria provocada pola Covid-19 na economía galega na obra coa que nace a editorial da escola de negocios de Afundación.
A publicación, inspirada nun ciclo de conferencias e debates celebrados en 'Ieside sen muros' durante o confinamento e os meses posteriores, os participantes analizan o impacto da Covid-19 e as súas consecuencias desde diferentes perspectivas: as repercusións socioeconómicas, os cambios nos hábitos de consumo, o sector da enerxía, os mercados exteriores, as medidas de apoio financeiro aos países da UE, a dixitalización e o teletraballo.
Este mércores, 10 de febreiro, a obra foi presentada nunha mesa redonda telemática que contou coa participación do vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, quen chamou a atención sobre o "impacto moi diferenciado por sectores" que deixa o coronavirus, con algúns "moi afectados" como a hostalaría e outros con "oportunidades" como o das novas tecnoloxías.
"GALICIA NUN ESTADO DE MAIOR PROSPERIDADE"
Pola súa banda, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, desde o "compromiso irrenunciable cos empeños que conduzan a Galicia a un estado de maior prosperidade", valorou o "denominador común" das achegas desta publicación, que é "o rigor dos enfoques" e a "reveladora exposición de tendencias e datos útiles que dan matices con que pensar o presente e o futuro", destacou.
O conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas, que é un dos autores que asinan un capítulo do libro, destaca que "no momento actual as prioridades son e deben ser: o apoio social ante o escenario vivido, o apoio centrado na protección da saúde, como prioridade inmediata, e no mantemento do emprego como garante da protección social".
Ao mesmo tempo, o seu artigo chama a "centrar os esforzos en asegurar a protección da capacidade económica existente, que tanto tempo e esforzo necesitou para o seu establecemento e que é a base fundamental do estado de benestar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.