Por Xurxo Salgado | Herbón, Padrón | 01/08/2013 | Actualizada ás 02:38
Un muro de silencio. Iso é o que o xornalista se atopa cando quere indagar sobre as razóns que propiciaron a decisión do provincial franciscano, pai Castiñeira, --a máxima autoridade franciscana na provincia eclesiástica de Santiago-- de trasladar aos dous frades do Convento de Herbón tras 600 anos de servizos interrumpidos á comunidade local.
Tamén silencio e escusas é o que recibe cando se dirixe á Xunta para preguntar polo estado de tramitación do expediente de Ben de Interese Cultural (BIC), cuxo prazo remataba o pasado 23 de xullo.
O papel do alcalde
Pero, porque nin o superior franciscano de Santiago, nin a Xunta queren falar do cese da actividade pastoral no Convento de Herbón?. As razóns hai que procuralas nun conflito iniciado en 2011 e do que o alcalde de Padrón, o popular Antonio Fernández Angueira, ten moito que ver ao opoñerse teimudamente á declaración como BIC do monumento eclesiástico.
Foi ese ano cando varias entidades que teñen a súa sede en dependencias do propio convento, xunto co apoio e respaldo do prior do mesmo, Roberto Freire, decidiron iniciar os trámites para a declaración BIC do mesmo. Nese momento, había unha unanimidade total para a súa declaración; tanto por parte do concello, como da propia Orde Franciscana. Patrimonio deulle o visto bo e iniciouse a tramitación do expediente co apoio do Consello da Cultura Galega, a USC e a Universidade de A Coruña.
Sen embargo, todo mudou cando, desde unha asociación pementeira que, curiosamente, ten estreitos vínculos con destacados dirixentes do PP, comenzaron a presionar a veciños e concello alertando de que, coa declaración de BIC, non se podería construir nin especular cos terrenos colindantes co mosteiro. Foi entón, cando a postura de Fernández Angueira cambiou radicalmente e, de firme defensor do proxecto, converteuse no seu máis ácedo detractor.
Foi el, xunto con outros líderes populares e mesmo destacados empresarios da comarca vinculados ao mundo da hostelería e ao PP, comezaron a presionar directamente á Dirección Xeral de Patrimonio utilizando todos os resortes do Partido Popular. Alegou unha gran división social e, mesmo, presentou alegacións fora de prazo. As presións surtiron efecto e a Comisión Provincial manifestouse contrario ó BIC co único voto particular en contra do representante da Universidade de A Coruña, Carlos Amoedo.
Desde entón, a declaración como BIC do convento entra nun punto morto con alegacións e contraalegacións e un expediente que tiña que ser dictaminado o pasado 23 de xullo. Sen embargo, a resposta da Xunta aínda non chegou, nin ao convento, nin tampouco aos xornalistas que preguntamos pola súa situación.
O papel do provincial franciscano
Durante todo este tempo, o provincial franciscano, padre Castiñeira, quen nun primeiro momento vía con bos ollos o proxecto, mantivo un comedido silencio e, evitou, en todo momento, entrar nunha disputa co concello de Padrón, mesmo en contra da vontade dos propios frades franciscanos que habitan en Herbón.
A súa decisión chegou do xeito máis contundente. O pasado venres comunicaballe aos dous únicos eclesiásticos que viven no convento o seu traslado inmediato a outros centros; a un para Ponteareas e a outro para o Cebreiro. Os dous destacaranse polo seu apoio á declaración BIC, especialmente, o prior. "El convento será gestionado y atendido pastoralmente desde la fraternidad de Santiago", sinalaba na carta que lles remitiu. A medida non foi acollida satisfactoriamente por boa parte da comunidade franciscana.
GC tentou ao longo de todo este mércores contactar co pai Castiñeira, sen éxito. "Atópase fóra do mosteiro --de San Francisco, en Santiago-- e non volverá ata dentro de dous días", foi a resposta. Tampouco o seu móbil estaba operativo.
O pai Gardián tamén cala
Segundo os preceptos da propia Orde franciscana, en ausencia do provincial, é o pai Gardián o encargado de dar conta de todo o que pasa. Tamén GC se puxo en contacto con el. Sen embargo, o pai Paco Castro escudouse na ausencia de Castiñeira para evitar falar deste asunto, especialmente, dun dos seus principais cometidos neste asunto que é a atención pastoral á comunidade de Herbón que, a partir do 3 de agosta queda orfa de frades que os atendan no convento.
GC acudiu entón directamente a Roma, á sede da Orde Franciscana para saber a opinión do ministro xeral desta orde, o norteamericano Michael Antony Perry, quen, desafortunadamente, non se atopaba na cidade papal. Con todo, as autoridades franciscanas comprometeronse a dar cumprida explicación desta situación da que, nun primeiro momento, non tiñan coñecemento.
O papel de José Rodríguez Carballo
A decisión do provincial franciscano de retirar á comunidade de Herbón chega nun momento moi importante para Orde franciscana xa que o vindeiro ano, Compostela celebrará o aniversario da visita de Francisco de Asís á capital galega. Un evento no que tivo moito que ver frai José Rodríguez Carballo, ex ministro xeral desta orde, e recentemente nomeado arzobispo de Belcastro no Vaticano.
O traslado da comunidade franciscana de Herbón pon fin a unha relación de máis de 600 anos dos frades coa veciñanza e deixa sen referencias espirituais a un concello que, curiosamente e segundo a tradición xacobea, foi o primeiro en recibir o corpo do apóstolo Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.