Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/02/2021 | Actualizada ás 13:57
O artigo analítico 'A evolución da actividade nas provincias españolas ao longo de 2020 e os seus determinantes' publicado este mércores, 10 de febreiro, polo Banco de España constata que o impacto da pandemia sobre a actividade foi "moi heteroxéneo" por provincias.
Pontevedra, A Coruña e Ourense rexistraron caídas do seu produto interior bruto (PIB) de en torno ao 9% en 2020, mentres que en Lugo baixou un 8%, segundo os datos que publica o Banco de España.
En concreto, nesta distribución da evolución económica por provincias, a diminución de Pontevedra, do 9,2%, situouse á cabeza en Galicia. Mais seguiulle de preto A Coruña, cunha redución do 9,1%.
Pola súa banda, Ourense anotouse un retroceso do seu PIB do 8,9%, mentres que a economía de Lugo foi a que experimentou un menor impacto, ao caer un 8%.
No conxunto estatal, as provincias de Baleares (-27%) e as canarias das Palmas e Santa Cruz de Tenerife, xunto a Málaga, Xirona e Alicante, rexistraron as maiores caídas do PIB o ano pasado, que estivo marcado pola "heteroxeneidade" do impacto da covid, sendo maior nas zonas con maior peso do turismo e incidencia na mobilidade.
CAÍDA DO 11%
O PIB español rexistrou unha caída do 11% en 2020, unha das máis acusadas os países desenvolvidos, o que contrasta de modo "desfavorable" coa contracción da economía mundial (do 3,5%, segundo o FMI), subliña o Banco de España, que explica que o perfil trimestral do PIB no noso país estivo condicionado pola evolución da pandemia.
OS FACTORES DA HETEROXENEIDADE: TURISMO E MOBILIDADE
En canto aos factores que explican a heteroxeneidade do impacto, conclúe que un maior peso do turismo, sobre todo estranxeiro, na actividade provincial, unha maior proporción de emprego temporal, así como un menor peso do sector público e niveis máis baixos de mobilidade cidadá, estiveron asociados con maiores caídas da actividade.
Con todo, unha vez controlados estes efectos da mobilidade e a estrutura económica, o exceso de mortalidade derivado da pandemia "non parece ser unha variable significativa á hora de explicar diferenzas na evolución do PIB provincial en 2020", segundo o Banco de España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.