Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/02/2021 | Actualizada ás 18:52
Galicia ten xa vacinadas coas dúas doses todas as súas residencias de maiores e centros de discapacidade, fóra dos que rexistraron brotes nas últimas semanas, que serán inmunizados "axiña que se normalice a situación".
A través dun comunicado, a Xunta destaca que esta semana os correspondentes equipos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa administraron a segunda dose aos últimos usuarios e traballadores destas instalacións.
"Deste xeito, xa está vacinado o 100 por 100 do persoal e dos residentes da práctica totalidade das residencias da Comunidade", asegura o Goberno galego, que matiza non obstante que aínda non puideron facelo naqueles centros onde houbo brotes recentes.
Así, a Xunta avanza que "en datas próximas, unha vez conseguida a súa inmunización", revisaranse os protocolos de visitas e saídas, que por agora permanecen no máximo nivel de alerta desde os primeiros días do ano.
Por iso, a Administración autonómica solicita a usuarios, familiares e traballadores que manteñan o alto nivel de concentración e cumprimento das medidas de prevención e hixiene.
Unha vez finalizada a inmunización case total dos xeriátricos e coa dos profesionais sanitarios xa en marcha, o Sergas comezará este luns a chamar a 200.000 anciáns de máis de 80 anos para citalos a vacinarse a partir do próximo luns, 22 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.