Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 09:00
Continúa o avance dos proxectos eólicos en Galicia. Nas últimas horas vén de saír a consulta pública unha proposta que podería estar chamada a ser un dos casos máis polémicos de implantación de muíños de vento no caso de que a Xunta de Galicia remate por dar o visto bo ao complexo. O parque planeado sitúase no Castro Valente, unha zona limítrofe entre Padrón e a Estrada, e podería ameazar a supervivencia dun xacemento arqueolóxico milenario.
Polo momento, o parque eólico de Castro Valente é pouco máis que un proxecto sobre o papel, xa que estaría pendente do visto bo da Consellería de Economía, Empresa e Innovación para saír adiante. Con todo, xa nestes trámites preliminares o proxecto vén de recoller críticas e suspicacias da banda do ecoloxismo galego pola súa proximidade con áreas protexidas ás que, supostamente, afectaría.
A afección ao entorno natural do parque de Castro Valente sería de menor gravidade que a analizada anteriormente por Galicia Confidencial a respecto do proxecto ideado para o Monte Chan --no que se planea instalar un aeroxenerador sobre terreo protexido polo seu impacto paisaxístico--. Neste caso, o parque de Castro Valente sitúase a unha distancia relativamente ampla dos espazos da Rede Natura; se ben, segundo Petón do Lobo, si afectaría a espazos protexidos pola UE.
A problemática central do proxecto de Castro Valente, con todo, estaría, precisamente, no xacemento arqueolóxico situado na zona, e que podería quedar irreversiblemente danada pola construción das catro torres eólicas e a acción do seu movemento. O documento contempla, neste aspecto, dispoñer os muíños a 259 metros do xacemento. O mínimo legal esixible son 200.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.