Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/02/2021 | Actualizada ás 14:59
A fase de vacinación contra a covid-19 das persoas maiores de 80 anos arrincará en Galicia este venres 19 de febreiro cunha proba piloto que acollerá a área de Santiago-Barbanza e que servirá de ensaio para o inicio do groso do proceso, previsto para o vindeiro luns 22 de febreiro.
A data foi avanzada polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. Deste xeito, un grupo de 569 persoas están citadas este venres para acudir a oito puntos de vacinación situados na área sanitaria de Santiago, onde recibirán a primeira dose.
Será unha proba piloto antes de que o vindeiro luns empece a vacinación da poboación maior de 80 anos en Galicia, que se desenvolverá, no caso do distrito santiagués, en 16 puntos diferentes para chegar aos máis de 34.000 octoxenarios da área de Santiago-Barbanza que restan por vacinar. Está previsto que 5.500 sexan vacinados na primeira semana.
O inicio da vacinación da poboación maior de 80 anos prodúcese nun contexto de "boa evolución" dos datos epidemiolóxicos, segundo apuntou Rueda, quen, no entanto, puxo o foco en que aínda preocupa a situación nos hospitais.
"Hai unha boa evolución á vista dos datos, pero aínda insuficiente", apuntou o 'dous' da Xunta, que incidiu na necesidade de continuar coa "prudencia" e a "cautela" ata que non se produza unha baixada na presión sobre os hospitais e, especialmente, as unidades de coidados intensivos.
O 'dous' da Xunta comentou que a pandemia deixa cifras que apuntan a unha "boa evolución", aínda que "insuficiente", xa que segue preocupando a situación nos hospitais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.