Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 14:14
Os usuarios de residencias con Covid-19 seguen en descenso e sitúanse en 117 en Galicia, o que supón oito menos, tras nove altas e un positivo, así como os traballadores contaxiados, que caen a 60 --sete menos--.
Así se reflicte nos datos actualizados este venres polas consellerías de Sanidade e Política Social, nos que se inclúe un único novo positivo detectado nestes centros, que corresponde a un usuario da vivenda comunitaria municipal de Vimianzo.
Por contra, saen da lista por negativizar cinco usuarios da residencia de maiores de Laraxe en Cabanas; dous da residencia de maiores de Bande; un da Santa Teresa Jornet da Coruña e outro de Nosa Señora do Carme de Sarria.
Deste xeito, entre os centros con máis usuarios contaxiados inclúense a DomusVi Laraxe, con 46; A miña Casa Ferrol, con 24; Residencia Milagrosa da Coruña, con sete; DomusVi Carballo e Fogar Residencial Xardín Castro Lareira de Salceda de Caselas, con cinco cada unha; O Casón de Moeche, con catro; e Fogar Residencia Blanco Amor de Boborás, con tres. A estas súmanse outras 16 residencias cun ou dous contaxios en cada caso.
TRABALLADORES
Pola súa banda, os traballadores con Covid-19 en residencias de maiores redúcense a 60, tras negativizar sete: dous en O Casón de Moeche; un na Torrente Ballester da Coruña; outro no Pai Rubinos da Coruña; outro na Laraxe de Cabanas; un na residencia e apartamentos de Arzúa e outro na residencia de maiores de Bande.
Por tanto, entre as residencias con máis persoal contaxiado atópanse a DomusVi Laraxe, con nove casos; Quercus de Leiro e O Casón de Moeche, con seis; A miña Casa Ferrol, con cinco; As Angélicas de Vigo, San José de Arzúa e Nosa Señora do Carme de Sarria, con catro; e As Gándaras de Lugo, con tres. A estas súmanse outras 14 con dúas ou un caso cada unha.
CENTROS DE DISCAPACIDADE
En canto aos centros de atención á discapacidade de Galicia o número de usuarios contaxiados baixou a 23, tras tres novas altas na residencia Pai Menni de Betanzos, que se sitúa con nove casos. Séguenlle a Juan Vidán Torres de Santiago, con sete; a Aspanaes das Pontes, con seis; e A nosa Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente, cun.
Tamén descenden os traballadores destes centros con Covid a oito, tras catro altas: dous na Juan Vidán Torres de Santiago, unha na residencia do Imserso de Bergondo e outra no CAPD de Sarria.
Deste xeito, a residencia de Adultos Pai Menni de Betanzos colócase con catro casos; o CAPD da Coruña, cun; o CAPD de Sarria, con outro; a Aspanaes das Pontes, cun; e a DomusVi Bóveda, con outro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.