Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2021 | Actualizada ás 14:38
O conselleiro de Educación, Cultura e Universidades, Román Rodríguez, defendeu este domingo, Día da Lingua Materna, que a actual é "a xeración mellor formada en galego da historia" grazas a un sistema educativo no que "os idiomas non compiten entre si".
"A adquisicón dunha lingua favorece e alimenta a aprendizaxe das seguintes e abre oportunidades de crecemento persoal, social e laboral", sentenciou Román Rodríguez durante a súa participación nos actos do Día da Lingua Materna organizados pola Xunta na Cidade da Cultura baixo a condución da xornalista Esther Estévez, cara da iniciativa da TVG 'Dígocho eu'.
Na súa intervención, segundo recolle un comunicado da Xunta, o conselleiro manifestou que a "riqueza e humanidade" que achegan as linguas "só se pode asegurar garantindo a continuidade e a transmisión familiar". Por iso, apelou a implicarse no obxectivo de "preservar" a transmisión do galego nas familias a "todos", desde as "familias e gobernos" a "a sociedade xeral e os seus representantes políticos".
"EN IGUALDADE CO CASTELÁN"
Ademais, Rodríguez defendeu o lugar que ten o galego no sistema educativo de Galicia, onde se atopa "en igualdade" de condicións co castelán sen que isto supoña "renunciar" á aprendizaxe doutros idiomas estranxeiros.
"Esta é a proba de que os idiomas non compiten entre se, senón que a adquisición dunha lingua favorece e alimenta a aprendizaxe das seguintes e abre oportunidades de crecemento persoal, social e laboral", afirmou, para, a continuación, encomiar a saúde do galego apoiándose na última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE). Os datos do IGE, con todo, dan conta dun decremento substantivo no tocante ás persoas monolingües en galego ou que toman a lingua de Galicia como maioritaria nas súas interaccións sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.