A agonía das orquestras galegas: “aínda non recibimos un só euro da Xunta”

As orquestras denuncian que a administración autonómica os “enganou” á hora de elaborar as axudas, dotadas dunha letra pequena que fai “practicamente imposible” recibilas. A Xunta sostén que os apoios están en marcha, pero o sector desconfía: “é só propaganda”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Falan no mundo das orquestras desa vez que a Panorama conquistou unha vila da serra madrileña. Foi no 17. O concello en cuestión, Rodrigo de Chabela, estaba “acostumado a facer as festas con discomóbil” --segundo un compañeiro de profesión-- e foi cousa do alcalde, que oíra da sona das orquestras galegas, facer chamar a Panorama. Probablemente esa noite Fernando Casado (Cs) gañou as eleccións de 2019. Nada máis entrar os camións do conxunto na vila, os veciños saíron ás xanelas para recibilos cun fervoroso aplauso. Logo continuou a loanza: “aparcaron nunha explanada e comezou a chegar xente doutros pobos para ver como montaban o palco”, engade o músico. 

O sector das orquestras di sentirse 'enganado' pola Xunta e a letra pequena das súas axudas
O sector das orquestras di sentirse 'enganado' pola Xunta e a letra pequena das súas axudas | Fonte: Escenario da orquestra Armonía Show.

A noite sería histórica en Rodrigo de Chabela. Este concello rural, que suma pouco máis de 4.000 almas, dificilmente podía prever o tirón da orquestra número un da escena galega. “Ás 11 da noite”, explica a fonte, “os bares de todo o pobo estaba sen pan nin bebida, e nos supermercados non había cervexa, nin conservas ni nada”. O desabastecemento era tal que o alcalde tivo que mandar abrir un almacén da localidade. De pouco serviu. “Ás 12 da noite, os donos dos bares estaban indo ás vilas do lado a buscar mercadoría porque volveran quedar sen nada”, engade este músico cun ton de gremial orgullo. “Durante 15 días non se falou doutra cousa na vila”, sentencia.

A Panorama volvería ao ano seguinte a Rodrigo de Chabela. E ao outro tamén. No 20 unha pandemia pincharía as rodas do camión e os de Lito, por primeira vez en décadas, terían que pasar o verán na modorra infértil da propia casa. 11 meses despois desa comparecencia en directo de Pedro de Sánchez, o sector das orquestras loita por se manter a frote e afastar a pantasma da quebra, que pende mesmo sobre os nomes máis grandes do sector da verbena. 

“AFOGADOS EN DÉBEDAS”

"A Xunta enganounos de todo", denuncian dende o sector

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa tras un Consello da Xunta. ANA VARELA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa tras un Consello da Xunta. ANA VARELA | Fonte: XUNTA

“Estamos xa moi afogados en débedas”, resume Manolo Fariña, presidente da Asociación Galega de Orquestras. Tras case un ano de inactividade, as contas das principais empresas do sector comezan a ter serias dificultades para avanzar de mes en mes. Aos gastos fixos habituais --impostos, pólizas de seguros-- únese o peso deses créditos bancarios contraídos na era pre-covid e que, ante a falta de axudas públicas, ameazan a supervivencia de boa parte do gremio. 

“A Xunta enganounos de todo”, dispara Fariña cando lle preguntan polos apoios públicos. No sector das orquestras decláranse beneficiarios de axudas “xerais”, é dicir, “das que recibiron todas as empresas”. Pola contra, negan que os apoios publicitados pola administración autonómica chegaran aos seus petos: “de momento non recibimos un só euro da Xunta de Galicia”, incide.

A denuncia da AGO choca frontalmente coa versión sostida polo goberno autonómico. Dende a declaración do estado de alarma, a administración Feijóo lanzou tres paquetes de apoios para o sector da verbena: un deles como parte do Plan de Reactivación Cultural, outro artellado a través dos créditos do IGAPE e un terceiro enmarcado nas axudas de promoción ao Xacobeo. O sector cualifica de “propaganda” os anuncios: “Eles fan a promoción para dicir que axudan ao sector pero logo parece que poñen a letra pequena para non ter que dalas”, explica Javier Saavedra, da xunta directiva da asociación.

Saavedra, trombonista e propietario da histórica Los Satélites, explica que optou --sen éxito-- ás tres convocatorias ofrecidas pola Xunta. Malia presentar a documentación esixida en tempo e forma, os ingresos seguen sen aparecer. “Na primeira [do mes de xuño] fixen tres solicitudes e aínda nin sequera me contestaron”. Si recibiu resposta na súa petición ás axudas do Xacobeo, que implican unha compensación de gastos a cambio de ofrecer algún concerto no ano xubileu. O problema, neste caso, estaría en que as axudas “non chegarían ata mediados de 2022”, segundo o propio Saavedra, unha dilación inasumible para moitos conxuntos ante a presión da banca.

“O ENGANO DA XUNTA”

As orquestras denuncian que, para acceder ás axudas, precisan dun aval bancario "imposible de conceder"

O descontento do sector das orquestras coas axudas autonómicas supón un xiro radical con respecto ás súas perspectivas nos comezos do verán pasado. Por aquel entón, as negociacións coa Xunta avanzaban en bo camiño cara un obxectivo claro: conseguir aliviar a carga das débedas bancarias. “Ofrecéronse a darnos a cantidade cun préstamo do IGAPE en boas condicións, e aceptamos”, recorda Fariña. 

Entón foi cando chegou “o engano” da Xunta. “Ao saír as axudas vimos que cambiaran o acordado por unha subvención para gastos”, explica o presidente da Asociación. A diferenza pode semellar irrelevante pero non o é. Con este cambio de rumbo, a Xunta podería reducir substantivamente as axudas a aboar; xa que, tal e como explica Fariña, “os gastos que temos neste momento non son os dunha actividade normal”.

“AQUÍ NON CHEGOU UN EURO”

O problema repítese nas axudas do Xacobeo; esas que, de acordo coa AGO, non se cobrarían ata mediados de 2022. A administración Feijóo ofreceu ás orquestras a posibilidade de recibir por adiantado ata un 80% da axuda concedida, pero cunha condición: que puideran presentar un aval bancario do 110%. O trámite, explica Saavedra, resulta “practicamente imposible” nas circunstancias actuais. Fariña coincide: “coas débedas que temos agora é complicado acceder a estes créditos”.

Estas circunstancias levan a que, segundo denuncian as empresas, o total de ingresos recibidos da man da administración autonómica ascenda a 0. A Xunta, pola súa banda, defende que as subvencións do ano xubileu --por importe dun millón de euros-- xa foron anunciadas; así como os referidos préstamos do IGAPE, que as autoridades galegas cifran en 1’5 millóns a repartir entre 21 orquestras. A Asociación Galega de Orquestras, que integra a 90 dos conxuntos dos país --incluídos os máis puxantes--, é clara: “aquí non chegou un euro”.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta