Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2021 | Actualizada ás 09:00
Bencuriosa vén de estrear 'Artesanías Dixitais', un webdoc que ofrece un percorrido polo espazo dixital galego dirixido e realizado polo creador audiovisual Antón Varela e que conta co apoio do Fondo Xacobeo 2021, impulsado pola Xunta.
Este proxecto ten como obxectivo ofrecer unha panorámica sobre as profesións ou áreas de traballo emerxentes vinculadas á creación dixital e que teñen un vínculo real con profesionais, empresas e itinerarios educativos de Galicia.
Dende Bencuriossa defenden que estas disciplinas, aínda que non o pareza, teñen moito en común coas vellas artesanías, xa que "os seus profesionais traballan coas mans, o seu oficio require coñecemento amplo da técnica e das ferramentas, e é froito de anos de experiencia, e ademais desenvolven novos saberes, construíndo a nosa cultura dixital".
CREADORES E CREADORAS DE CONTIDO
Este proxecto conta coa participación de creadores e creadoras de contido que desenvolven o seu traballo en diferentes ámbitos tecnolóxicos: artístico, docencia, arte, recreación histórica...
En concreto, doce persoas conforman o equipo colaborador de 'Artesanías Dixitais': Marta Verde, que leva a cabo a programación creativa; Brais Moure, a programación de apps; Santi Villamarín, o deseño IX/UX; Rocío Pomar, a educación +360; Xacobo de Toro, a educación +AR; Marina Núñez, a arte dixital; Cristal Reza, a ilustración dixital; Marcos Barrios, vídeo-mapping; María Fernández, os videoxogos; Anxo Miján e Carlos Paz, a recreación histórica 3D; e Alex González, a fotogrametría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.