O Concello da Coruña recorrerá a indemnización á familia Franco ante o silencio do Goberno

A alcaldesa Inés Rey ve "complicado de entender" o razoamento da sentencia que obriga a indemnizar os descendentes do ditador. O BNG comparte opinión, e insta ao Goberno a mover ficha para evitar dar "unha labazada ás vítimas do franquismo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, confirmou que recorrerán a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre o pazo de Meirás que obriga a indemnizar aos Franco polos gastos contraídos desde 1975 e que considera que actuaron de "boa fe", aínda que ratifica que o inmoble é do patrimonio público.

Así o manifestou, a preguntas dos xornalistas, despois de que primeiro o Concello de Sada e logo a Deputación coruñesa anunciasen que recorrerán, fronte ao posicionamento mantido pola Avogacía do Estado, que non recorrerá, do mesmo xeito que a Xunta. "Entendemos que é susceptible de ser recurrible", manifestou a alcaldesa coincidindo coa súa presenza no acto de plantación dunha árbore procedente da casa familiar da escritora Rosalía de Castro.

A rexedora asegurou respectar "os posicionamentos procesuais de todas as partes", pero incidiu en que o "compromiso" do Concello da Coruña é "firme". "É complicado de entender e de explicar esa parte da sentenza onde se fala de posesión de boa fe e esa obrigación de indemnizar a quen non era lexitimo dono do pazo", engadiu, lembrando que haberá que esperar a que o Supremo admita o recurso ao ser de casación.

En canto á repercusión do fallo da Audiencia da Coruña no preito que o consistorio xa avanzou que fará para recuperar a Casa Cornide, Inés Rey insistiu en que son "cuestións e realidades xurídicas diferentes". No entanto, admitiu que lles preocupaba que quedarán "asentados" aspectos recolleitos na citada sentenza e que, por iso, recorrerán.

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado / M.Dylan - Europa Press. / Europa Press
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado / M.Dylan - Europa Press. / Europa Press

PONTÓN PIDE AO GOBERNO QUE MOVA FICHA

Na mesma xornada, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou como unha "labazada á memoria democrática e ás vítimas do franquismo" asumir que aos Franco estiveron no pazo de Meirás de "boa fe" e non recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña. Por iso, pediu ao Goberno de Sánchez que rectifique esta "errática decisión".

Fíxoo en declaracións aos xornalistas ás portas do pazo de Meirás, onde insistiu en que os galegos e as galegas non poden pagar "dúas veces" para que se lle devolva un inmoble "roubado polos Franco". "Xa pagamos e dunha maneira moi deshonrosa", dixo sobre o procedemento seguido para a obtención do pazo por parte do ditador.

E fronte a unha "sentenza vergoñenta" --engadiu sobre un fallo que entende que houbo "boa fe" nos herdeiros do ditador e que lles recoñece o dereito a unha indeminización polos gastos contraídos desde 1975--, insistiu na necesidade de recorrer para evitar un "agasallo xurídico" aos mesmos.

"O principal problema desde o punto de vista xurídico é que lle abre o camiño aos Franco para que, en instancias superiores, poidan darlle a volta á sentenza que, por primeira vez, recoñeceu que este pazo fose expoliado e roubado polos Franco", apuntou en referencia á ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que determinou a devolución do inmoble ao patrimonio público e considerou que houbo "mala fe".

RESPOSTA POLÍTICA E XURÍDICA

Sobre a posterior da Audiencia da Coruña --que ratifica a devolución do pazo, pero obriga a pagar unha indemnización--, Pontón manifestou que é "inconcibible que esta sentenza non reciba resposta política e xurídica". "Política porque dicir que estiveron de boa fe é darlle unha labazada á memoria democrática e ás vítimas do franquismo", insistiu. A iso, sumou a xurídica ao argumentar que non se pode asumir "que ocuparon o pazo durante 40 anos de boa fe".

Por todo iso, instou ao Goberno de Sánchez a non "romper a unidade e o clamor social" para que non se pague aos Franco "nin un só euro". "Só hai dous lados: defender a dignidade ou a defensa dos intereses dos Franco". Así mesmo, esixiu ao Goberno que "desminta con feitos" as especulacións sobre un posible "pacto oculto" entre o Executivo central e os herdeiros do ditador "para non presentar este recurso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta