Temas: FEIJóO PPDEG

As contas pendentes do PPdeG doce anos despois do primeiro triunfo de Feijóo

Os líderes provinciais avalan centrarse na xestión da pandemia e ven ao seu xefe, de novo no foco estatal, "comprometido" con Galicia

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/02/2021 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

Os populares galegos rememoran o 1 de marzo como un día moi relevante para a historia recente do partido, o da primeira maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo en Galicia 12 anos atrás, en 2009, aínda que o contexto da pandemia da covid-19 e as súas restricións non deixan oco para actos conmemorativos e o PPdeG desvincula de calquera celebración o comité de dirección que se reunirá este luns.

Feijóo, tras lograr a súa cuarta maioría absoluta, nas eleccións de xullo
Feijóo, tras lograr a súa cuarta maioría absoluta, nas eleccións de xullo | Fonte: César Arxina - Europa Press - Arquivo.

Con Feijóo á fronte, os principais cargos do partido sentarán nunha reunión do seu órgano directivo o luns pola tarde pero, segundo fontes da cúpula popular, non se esperan decisións orgánicas relevantes. "Debemos ser consecuentes e centrarnos nos asuntos que realmente importan aos cidadáns, para iso ampliaron a nosa maioría absoluta en xullo", alegan.

A pandemia e as súas consecuencias é o principal argumento que os populares poñen sobre a mesa para xustificar o atraso na renovación orgánica que o partido ten pendente no ámbito autonómico e tamén no provincial e o local (hai numerosas localidades con xestoras como dirección provisional, empezando por Vigo, A Coruña e Santiago). É unha das contas por saldar en clave interna, xunto co reto de recuperar terreo político municipal.

E é que a última vez que se renovaron as principais cúpulas da formación foi en 2016 --Alberto Núñez Feijóo foi reelixido por cuarta vez presidente do partido no congreso autonómico de maio dese ano, poucos meses antes das eleccións galegas, e previamente, en marzo, actualizáronse as direccións provinciais--.

Os estatutos do PP determinan que os congresos ordinarios do partido, sexa cal for o seu ámbito territorial de competencia, celebraranse cada catro anos, polo que tanto a renovación da dirección autonómica --que lidera Feijóo-- como das provinciais --con Diego Calvo (A Coruña), Elena Candia (Lugo), Manuel Baltar (Ourense) e Alfonso Rueda (Pontevedra)-- estaría xa fóra de prazo.

En todo caso, este mesmo venres o secretario xeral do partido, Miguel Tellado, esgrimía, ademais, que "non hai liderados en cuestión" que reclamen congresos urxentes. 

O "PLUSMARQUISTA" FEIJÓO, DE NOVO NO FOCO ESTATAL

E é que a sucesión, polo momento, é un asunto que permanece soterrado por un aparello consciente de que evitar disputas internas precipitadas e a imaxe dun "partido unido arredor do seu líder" é unha das cartas que facilitaron ata agora as sucesivas vitorias electorais. Ningún dirixente admitiu de forma pública interese en substituír a Feijóo nun futuro indeterminado e os líderes provinciais apoian e reivindican o seu liderazo.

Entre tanto, Feijóo chega ao duodécimo aniversario do seu primeiro triunfo electoral de novo no foco da política estatal, onde recobrou protagonismo, con especial intensidade tras o trompazo das eleccións catalás. Aínda que esta semana verbalizou que non ten interese en dirixir o PP estatal, as súas críticas e consellos á dirección estatal do partido, con Pablo Casado á fronte, non pasaron desapercibidas.

Nas filas do PP galego vese con normalidade que Feijóo teña protagonismo político e mediático dado o seu "plusmarquismo" electoral --compáraselle co falecido Manuel Fraga--, con catro maiorías absolutas consecutivas, que ademais se foron ampliando en cada cita coas urnas, nun contexto estatal marcado pola fragmentación.

Aos líderes provinciais do PP en Galicia non lles "preocupa" especialmente que, unha vez máis, Feijóo teña protagonismo na política estatal. "Ao mes de gañar en 2009 xa se dicía que Feijóo se ía a Madrid, e mira...", reflexionou o presidente do PP de Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O que foi o seu xefe de campaña hai 12 anos e quen se consolidou como a súa 'man dereita' na Xunta, defende que a prioridade agora é a xestión da pandemia e non albisca problema algún por unha posible sucesión. De feito ve "unha marxe de tres anos" (ata as próximas autonómicas) para "planificar o que faga falla".

Ao seu xuízo e é unha postura compartida con outros líderes provinciais, a "gran materia pendente" en clave orgánica é recuperar poder no ámbito local --non gobernan en ningunha das grandes urbes e só Baltar ten o bastón de mando da Deputación ourensá--.

Ao seu modo de ver, niso hai que traballar, pero tamén hai marxe por diante, posto que ata 2023 non volverán celebrarse eleccións municipais. E baixo o seu punto de vista, o PPdeG ten como "principal fortaleza" que "nunca se relaxou". "Soubo manter a tensión a pesar de ser un partido que goberna en clave autonómica", trasladou.

Tamén a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, sitúa o principal reto no ámbito de gañar poder local mentres reivindica, como clave dos éxitos electorais, que Feijóo dirixe "un partido unido e centrado nas prioridades dos galegos". "Un partido entregado a ser útil e cuxas preocupacións son as que teñen a xente", defendeu.

Mentres, fontes da dirección autonómica subliñan que o "anómalo" tras as últimas tendencias electorais e unha fragmentación política que eliminou practicamente as maiorías absolutas do panorama político español non é o que falta por "mellorar" no territorio municial, senón os resultados de Feijóo en plano autonómico. O obxectivo, sosteñen, é que os candidatos locais poidan achegar ese "plus" que, remarcan, ten o dos Peares no ámbito galego.

"COMPROMISO CLARO" CON GALICIA

O terceiro presidente provincial con asento na Cámara galega, onde ademais é vicepresidente primeiro, Diego Calvo (A Coruña), trasladou que "o compromiso de Feijóo con Galicia está claro" e tampouco ve urxencia na renovación orgánica. "Os congresos faranse cando o permita a situación sanitaria", remarcou.

Calvo tamén subliñou que as decisións do Goberno da Xunta foron "seguidas pola maior parte" das comunidades porque en Galicia "se xestiona pensando nas persoas e non en clave electoral".

Na mesma liña, o ourensán Manuel Baltar destacou que Galicia é "un espello no que mirarse para o resto de España" e máis "nunha situación tan dura" como a pandemia. "Os primeiros 12 anos de Feijóo na Xunta falan da palabra solvencia", remarcou, convencido de que o liderado de Feijóo "non ten resposta nin alternativa".

"E hai algunhas forzas que chegaron ao Parlamento e marcháronse pronto", agregou, antes de enviar a súa "felicitación" ao presidente galego tras 12 anos da súa primeira vitoria. "Desexo que este 1 de marzo sirva para reafirmar o compromiso con Galicia da forza máis importante da nosa nacionalidade histórica e encarar o futuro con solvencia, a palabra máis importante", resolveu.

Temas: FEIJóO PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta