Soben os pacientes con Covid hospitalizados tras varias semanas de baixada

Os casos activos seguen en descenso e sitúanse en 5.207 e a taxa de positividade cae a un 1,6%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2021 | Actualizada ás 10:58

Comparte esta noticia

Os pacientes con Covid-19 hospitalizados en Galicia aumentaron lixeiramente en catro ata os 536, deles 105 atópanse en Unidade de Coidados Intensivos --tres menos que a xornada anterior--, mentres que os novos contaxios diarios caen á metade que este domingo, con 103 detectados.

Así se reflicte nos datos difundidos na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas deste domingo, nos que se inclúen 105 hospitalizados con coronavirus en UCI --tres menos-- e 431 noutras unidades --sete máis--.

Deste xeito, tras varias semanas seguidas de tendencia descendente no total de hospitalizados con Covid-19, aumenta lixeiramente. Das sete áreas sanitarias galegas, só na de Santiago e Barbanza baixa o total de hospitalizados, con 18 persoas en UCI --un máis-- e 50 noutras unidades --cinco menos--.

Pola súa banda, na da Coruña e Cee aínda que caen en catro os pacientes Covid en UCI ata os 34, soben a 142 os que permanecen ingresados noutras unidades --catro máis--; así como na de Lugo, onde hai 14 en críticos --un máis-- e 29 noutras unidades --un menos--.

A área de Ferrol mantense sen cambios con respecto á xornada anterior, don oito en UCI e 63 noutras unidades; mentres que na de Pontevedra baixan en dúas os ingresados en críticos ata os 12, pero soben en tres os doutras unidades ata os 48. Mentres, na área de Ourense hai tres pacientes con coronavirus en UCI --sen cambios-- e 36 noutras unidades --dous máis--, mentres que na de Vigo aumentan a 16 o críticos --un máis-- e a 63 os doutras unidades --catro máis--.

MENOS CONTAXIOS E MENOS CASOS

No entanto, na Comunidade galega prosegue a tendencia descendente en novos contaxios e casos activos. En canto aos últimos redúcense a 5.207, o que supón 278 menos que os rexistrados ata a xornada anterior.

Deste xeito, os casos activos caen nas sete áreas sanitarias galegas, que contabilizan, agás unha, menos dun milleiro. Deste xeito, do total 1.711 corresponden á da Coruña e Cee; 871 á de Vigo; 753 á de Pontevedra e O Salnés; 569 á de Santiago e Barbanza; 512 á de Ferrol; 500 á de Lugo; e 291 á de Ourense.

Os novos contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba reducíronse a 103, tras os 208 rexistrados a xornada anterior en Galicia, deles 101 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Destes últimos, 27 corresponden á área de Pontevedra e O Salnés; 20 á de Vigo; 17 á da Coruña e Cee; 12 á de Lugo; 11 á de Santiago e Barbanza; e sete --en cada caso-- ás de Ferrol e Ourense.

POSITIVIDADE E PCR

Ata a data leváronse a cabo na Comunidade galega 1.671.969 PCR, o que representa 4.874 probas máis que as rexistradas ata a xornada anterior. En canto á taxa de positividade --porcentaxe de infeccións por test PCR realizados-- volveu a baixar ata un 1,6 por cento, tras descender ao 3,6% este domingo, polo que se mantén por baixo dese 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como máximo para dar por controlada a pandemia.

UCI do Hospital Clínico de Santiago.. ANA VARELA/SERGAS / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago.. ANA VARELA/SERGAS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Huang Ho

Os pacientes que necesitan hospitalización son unha porcentaxe dos enfermos (máis ou menos igual sempre). Así que cada un que pense. En Madrid empezaron a aumentar as hospitalizacions, polo tanto hai máis enfermos dos contabilizados. Quince días antes de pechar outra vez... Por desgraza.