O Colexio de Traballo Social denuncia "desorganización" no proceso de inmunización por parte da Xunta

Piden unha vacinación urxente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2021 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Traballo Social denunciou "desorganización" no proceso de inmunización contra a covid-19 por parte da Xunta de Galicia e volveu a reclamar a vacinación urxente do persoal de Traballo Social despois de que na primeira etapa este colectivo "non recibise ao completo" a vacina.

Nun comunicado remitido aos medios, o colexio lembra que os profesionais desta rama asumen un risco "incrementado", tanto na Administración pública como no terceiro sector, de exposición e transmisión do coronavirus polo contacto prolongado e frecuente coas persoas usuarias, "en detrimento da seguridade e da saúde das dúas partes".

Así mesmo, tras lembrar que o labor que prestan estes profesionais foi considerada esencial, o colexio denunciou a "falta de organización" que, na súa opinión, está a caracterizar todo o proceso. En concreto, censuran a "falta dun estándar na notificación da vacinación, que ás veces se produce a través dos colexios profesionais" e, noutras ocasións, "a través dos centros de traballo".

Neste contexto, urxen que se "unifique e estandarice" o procedemento, así como que se organice segundo un criterio obxectivo de risco de exposición e transmisión. Por último, lamentan a "falta de resposta" ás súas anteriores reclamacións por parte das direccións xerais de Saúde Pública e Atención Sociosanitaria e esixen diálogo entre as institucións e o colexio.

Vacinación en Santiago de Compostela
Vacinación en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta