Por E.P. | A Coruña | 02/03/2021 | Actualizada ás 16:13
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, analizou este martes co conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, as posibilidades que ofrecen os Fondos Next Generation. En concreto, o mandatario galego aproveitou este encontro para informar a Repsol sobre os proxectos nos que traballa o Goberno galego para optar aos fondos europeos de reconstrución.
Feijóo salientou as posibilidades de avanzar no ámbito da colaboración público-privada, aproveitando as sinerxías que se poden compartir con Repsol a través das liñas de produción coas que xa conta en Galicia, como é o caso do biogás e os biocombustibles.
Pola súa banda, Imaz informou ao presidente galego dos proxectos 'verdes' presentados pola compañía aos fondos europeos Next Generation e vinculados á refinaría da Coruña. Concretamente, Repsol presentou na reunión os seus proxectos vinculados á economía circular, a dixitalización, a rede de recarga de vehículos eléctricos, o autoconsumo enerxético e a xeración distribuída.
O primeiro deles refírese a a produción de hidróxeno renovable a partir de biogás obtido do tratamento de residuos urbanos. A segunda iniciativa corresponde á implantación de novas tecnoloxías nas actuais unidades da refinaría da Coruña para incrementar a capacidade de produción de biocombustibles avanzados a partir de materias primas sustentables e de residuos procedentes de fogares.
Outro dos proxectos ten que ver coa dixitalización e a eficiencia operativa dos procesos, así como co reforzo da seguridade mediante a automatización de tarefas, a conectividade en tempo real e a analítica avanzada.
E a última das iniciativas en estudo consiste en aproveitar os focos de calor residual da refinaría da Coruña para quentar auga destinada aos núcleos urbanos próximos, o que suporía un aforro enerxético.
A Xunta lembra que Repsol tamén que está a executar na actualidade o traslado dos tráficos de cru ao Porto Exterior de Punta Langosteira, unha actuación orzada en 126 millóns de euros. Este mesmo mes está previsto que comecen os traballos de construción do poliducto que unirá a refinaría co Porto Exterior, que se suman á obra do novo pantalán, xa en fase de finalización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.