Malos tempos para peregrinar: 2020, 'annus horribilis' para o Camiño e todas as esperanzas postas neste verán

As peregrinacións en Europa están en mínimos históricos, tamén na Ruta Xacobea, por mor da pandemia. A caída foi especialmente importante entre maiores de 60 anos e estranxeiros. Tras un ano practicamente perdido, espérase recuperar visitantes este verán e coa ampliación do Xacobeo en 2022.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A covid-19 tamén golpea os principais centros de peregrinación católicos en Europa. Só nos primeiros seis meses de pandemia, o movemento de turistas e peregrinos cara aos santuarios diminuíu entre un 90-95%, segundo un novo estudo. Cifras dramáticas para a Igrexa, pero tamén para o sector hostaleiro e turístico e as economías locais en conxunto.

Escultura do coruñés Miguel Couto que loce unha máscara cirúrxica en recordo das vítimas do Covid-19, mentres os peregrinos retornan ao Camiño francés da Ruta Xacobea case un mes despois do fin do estado de alarma
Escultura do coruñés Miguel Couto que loce unha máscara cirúrxica en recordo das vítimas do Covid-19, mentres os peregrinos retornan ao Camiño francés da Ruta Xacobea case un mes despois do fin do estado de alarma | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Franciszek Mróz, do Departamento de Turismo e Estudos Rexionais da Universidade Pedagóxica de Cracovia (Polonia), analizou o impacto da pandemia no turismo relixioso e as peregrinacións en seis santuarios europeos, entre marzo e setembro de 2020, a través da recompilación de datos e unha investigación de campo na que entrevistou a custodios e persoal dos santuarios, así como peregrinos. Eses centros de peregrinación son: Santiago de Compostela (Galicia), Lourdes (Francia) e Częstochowa, Cracovia-Łagiewniki e Wadowice (Polonia).

A investigación, di, “demostrou que o alcance global da pandemia, a mobilidade restrinxida e o illamento de centos de millóns de persoas en todo o mundo tiveron unha influencia dramática ou incluso tráxica no funcionamento dos centros de peregrinación ou das cidades de peregrinación”.

Máis detalladamente, os resultados da súa investigación demostraron que “o movemento de turistas e peregrinos cara aos santuarios analizados diminuíu nun 90-95% durante os primeiros seis meses da pandemia”, explica Mróz, quen lembra que nisto tamén influíu o feito de que santuarios tan importantes como os de Santiago de Compostela e Lourdes estiveron pechados varias semanas, durante a primeira onda de propagación de coronavirus.

MENOS MAIORES 

Pero talvez o máis destacable é o cambio que observou no perfil de idade dos poucos que si decidiron lanzarse ao camiño. Como todos ben sabemos, a covid-19 é especialmente agresiva coa poboación máis maior. Isto pode ter influído na “clara diminución do número de peregrinos de máis de 60 anos” observada por Mróz.

“Nótase a influencia da pandemia na estrutura de idade dos peregrinos”, afirma o investigador polaco, que lembra que “nos últimos anos aumentara a cota de persoas maiores de 60 anos rexistradas pola Oficina de Peregrinos en Santiago de Compostela, dende un 9,1% do total de peregrinos en 2004, até un 18,7% en 2019.

Pois ben, en xullo, agosto e setembro de 2020, a porcentaxe de maiores de peregrinos de 60 anos foi “considerablemente inferior”. Un cambio que pode explicarse “polo medo dos maiores a contaxiarse”, comenta Mróz, quen lembra que os estes teñen a taxa de mortalidade máis alta pola covid-19.

Por outro lado, investigador polaco puido constatar que “a prioridade dos custodios dos santuarios e dos organizadores de peregrinacións foi garantir a seguridade dos peregrinos no seu camiño e, o máis importante, nas zonas do santuario”.

Pero ao mesmo tempo, implementáronse estratexias para manter vínculos con aqueles que decidiron non facer camiño polas restricións sanitarias e o medo ao contaxio. Como?  A través das novas tecnoloxías: “Os maiores santuarios católicos de Europa animaron os peregrinos a afondar nos seus lazos co santuario a través da participación en servizos e oracións en liña e a seguir peregrinacións espirituais e virtuais”, explica Mróz.

Tamén destaca que, coincidindo coa pandemia, “mudaron as razóns das peregrinacións aos santuarios”.

ASPECTOS POSITIVOS

Así, observa algúns “aspectos positivos” relacionados coas peregrinacións e o turismo relixioso durante a pandemia COVID-19. “O primeiro aspecto positivo é o aumento das peregrinacións individuais ao longo das rutas locais e as visitas a centros de peregrinación nacionais, rexionais e locais”. Un feito que, en base ás entrevistas que fixo, se explica nalgúns casos pola "adicción" a camiñar polas rutas de peregrinación e o desexo de "estar no camiño e profundar nun mesmo, e que foi o que “axudou” a moitas persoas a “superar o medo ao coronavirus, emprendendo rutas de peregrinación locais”, detalla.

“Nos tempos contemporáneos, non observamos tal escala de cambios globais debido a ningunha outra epidemia. É un evento inimaxinable que non se pode comparar con ningún outro fenómeno”, conclúe.

“Debido a esta ansia de peregrinacións e visitas a lugares sagrados expresadas por miles de persoas, non só nas redes sociais, a xente achegouse máis, comezou a solidarizarse cos enfermos, apoiou economicamente os seus santuarios favoritos e comezou a planificar peregrinacións no futuro, despois de que remate a era da covid-19”, comenta o experto, prognosticando así un boom das peregrinacións e do turismo relixioso que, de momento, deberá seguir agardando en pleno Ano Santo e a celebración do Xacobeo 2021.

SANTIAGO DE COMPOSTELA

No caso do santuario compostelán, o investigador polaco compara os datos precovid cos actuais. Así, lembra que “desde os anos noventa ata o estalido da pandemia de covid-19, o turismo e as peregrinacións ao longo da ruta de peregrinación a Compostela desenvolvéronse de forma dinámica”, acadándose en 2019 unha “marca en termos de turismo no Camiño de Santiago”, con 347.578 peregrinos de máis de 180 países.

As cifras e o feito de que o pasado ano era a antesala do Xacobeo 2021 “facían prever para 2020 outra marca no número de turistas e peregrinos no Camiño de Santiago”. De feito, nos dous primeiros meses de 2020 –antes do confinamento total da poboación en España en marzo e da declaración do Estado de alarma–, os datos de peregrinos e turistas na capital galega (1.999 e 3.076, respectivamente) facían pensar que “o ano en curso traería outra marca en canto ao número de peregrinos no Camiño de Santiago”.

Porén, coa pandemia declarada, as fronteiras pechadas e o confinamento da poboación en marzo, tamén chegaron os peches de establecementos turísticos como albergues, hostais, hoteis, bares e restaurantes, e comercio.

Mróz lemvra que foi a partir do “1 de xullo cando comezou a paulatina reapertura” dos aloxamentos e locais na ruta xacobea, ademais da Catedral de Santiago e a Oficina de Peregrinos, pero con visitas reducidas polas normas sanitarias.

O autor recorda que esa reapertura foi parcial e moi limitada ao longo do Camiño despois do 1 de xullo de 2020, con “case todas as igrexas e capelas ao longo da ruta pechadas (agás as catedrais de Oviedo, Lugo, Santiago de Compostela e a Igrexa de San Pedro en Melide)”.

En canto aos servizos, “só un terzo dos restaurantes e bares funcionaban ao longo da ruta, pero a maioría dos restaurantes das cidades estaban abertos”, mentres que “todos os albergues municipais e a maioría dos refuxios parroquiais estaban pechados”, e “os albergues e hostais privados estaban abertos, con probas de temperatura corporal na recepción” e “obrigatoriedade de  cubrir boca e nariz, desinfección de mans e cambio de calzado”, recorda.

Esas condicións provocaron que “o número de peregrinos do Camiño rexistrado en xullo de 2020 (9.752) foi cinco veces inferior ao de xullo de 2019 (53.319); en agosto de 2020 foi máis de tres veces menor que en agosto de 2019; en setembro de 2020, a Oficina de Peregrinos en Santiago de Compostela rexistrou 10.441 persoas, é dicir, catro veces menos que en setembro de 2018 e 2019”, describe o autor.

Tamén se observou que a caída foi porcentualmente moito maior entre os estranxeiros. Concretamente, en xullo de 2019, a Oficina de Peregrinos en Santiago de Compostela rexistrou 21.492 peregrinos de 135 países e en xullo de 2020 o número foi máis de once veces inferior, con 1.893 de 80 países. Ese mes, os españois representaron máis do 80% dos peregrinos, menters que en 2019 eran o 58,6%.

“Cómpre lembrar que España abriu as súas fronteiras o 24 de xuño de 2020 e aínda quedaron suspendidas moitas rutas de voo. En xullo de 2020, tamén diminuíu a proporción de peregrinos do Camiño de países non europeos”, aporta o investigador polaco.

Tamén pon o foco nos datos de agosto de 2020, cando o número de peregrinos estranxeiros do Camiño aumentou a 4.644 persoas de 94 países, pero foi máis de cinco veces menor que en agosto de 2019 (26.249 persoas). E en setembro de 2020, cando a Oficina de Peregrinos rexistrou 3.166 peregrinos do Camiño de 82 países, mentres que en setembro do ano anterior foron 29.223 estranxeiros de 128 países.

Estamos a falar dos meses estivais, os de maior afluencia de peregrinos e turistas en Santiago, principalmente arredor da data grande, o 25 de xullo, Día de Galicia e de Santiago Apóstolo, fundamentais para o sector turístico e a economía local e galega.

O impacto da pandemia COVID-19 tamén se observa nos motivos para viaxar a Compostela. Mróz constatou que en xullo, agosto e setembro de 2020 houbo unha “considerable diminución da proporción de peregrinos que percorrían o Camiño por motivos relixiosos”. “Porén”, destaca, “a proporción de persoas que foron a Santiago de Compostela por motivos non relixiosos aumentou considerablemente”.

Por último, achega un dato tamén substancial: ao tempo que se reduciu o número de peregrinos en grandes rutas transfronteirizas como a Xacobea, “miles peregrinos que planeaban ir polo Camiño en 2020 abandonaron os seus plans e escolleron rutas locais”.

ESPERANZA NO VERÁN DE 2021

As incertezas sobre que acontecerá este ano mantéñense. As esperanzas están depositadas no plan de vacinación, pero a campaña aínda está lonxe de ser masiva e o ritmo actual de vacinación non permite, de momento, ser optimistas, xa que a agardada inmunización dun 60-70% da poboación está aínda lonxe, tanto en Galicia e no conxunto de España, como na maior parte dos países.

Con todo, a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) mantén a esperanza de que este verán "se poida retomar unha actividade máis ou menos normalizada e ter todo preparado coas condicións de seguridade que xa se ensaiaron na pandemia o ano pasado, para poder retomar coa maior seguridade pero tamén coa maior forza posible".

A AMCS destaca que o Camiño de Santiago "está a sufrir a pandemia" e sinalou que "de 350.000 peregrinos que conseguían a compostelá en anos normais houbo un esborralle case absoluto".

Así, sublíñase que a pandemia "reduciu de forma importante o número de peregrinos e, por tanto, os ingresos que xera por todos os lugares polos que pasa".

A asociación agarda que as condicións vaian mellorando, non só para reactivar o fluxo estatal de peregrinos, tamén espera que volvan vir visitantes de fóra, xa que "hai xente expectante de múltiples países" para poder retomar o Camiño de Santiago, din.

Así, estase xa a traballar nun hipotético escenario para o verán "no que teñamos unha porcentaxe ampla de poboación vacinada", comentan desde a AMCS, que considera que coa desescalada se lle abre unha oportunidade á ruta Xacobea na oferta para turistas que busquen seguridade.

"Dentro da desescalada, un dos paquetes turísticos que mellor pode funcionar é o do camiño de Santiago, porque o Camiño en si é distanciamento, non hai masificación senón que se vai percorrendo zonas naturais en contacto coa natureza e en lugares onde non ten porque haber contacto", argúen desde a AMCS.

No marco deses prepartivos, quérese lanzar unha mensaxe clara: "A ruta xacobea é un camiño seguro e adaptado ás situacións da pandemia" e "pódese retornar ao Camiño".

"Temos a oportunidade de reorganizarnos, facer que a cousa mellore e que o Camiño de Santiago sexa aínda mellor do que era", comentan.

Neste sentido, a AMCS fai un chamamento ás diferentes administracións autonómicas para que, xunto cos concellos, "sexamos capaces de darlle o impulso que o Camiño merece". E celebra que "temos un Xacobeo de dous anos", que se prolongará en 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta