A Semana Galega de Filosofía centrarase na civilización dixital

Está prevista de maneira semipresencial se a situación sanitaria o permite, pero teñen a posibilidade de celebrala totalmente virtual.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/03/2021 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

A XXXVII Semana Galega de Filosofía celebrarase entre o 5 e o 9 de abril e retomará a temática coa que xa se anunciou o pasado ano: a civilización dixital. Así o explicaron este mércores na presentación do evento o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o novo presidente da aula Castelao, Alexandre Cendón.

Un usuario de móbil accedendo a Youtube
Un usuario de móbil accedendo a Youtube | Fonte: pexels.

Por tanto, a edición deste ano corresponde á que quedara pendente no 2020 e que fora suspendida por mor da pandemia, pero que este ano se vai celebrar, en palabras do alcalde, "de todas todas".

Fernández Lores expresou á "satisfacción" porque se volva celebrar este evento, "porque a Semana Galega de Filosofía sitúa a cidade de Pontevedra como líder do pensamento durante unha semana".

Sobre a temática da 'civilización dixital' Alexandre Cendón sinalou que "é un tema de plena vixencia tras a aparición da pandemia".

O presidente da aula Castelao indicou que "todo o referente ao mundo dixital tomou moito impulso, en cuestións como o teletraballo e as comunicacións a distancia e todo o que isto leva".

SEMIPRESENCIAL

Está previsto que se celebre de maneira semipresencial no caso de que a situación sanitaria o permita, aínda que se fose necesario tamén teñen prevista a posibilidade de celebrala totalmente en liña.

De manterse as actuais restricións sanitarias, os relatores das sesións matinais intervirán en liña e haberá público presencial no Teatro Principal (segundo a capacidade permitida) e tamén público en liña. Pola tarde, os relatores intervirán presencialmente e manterase a opción de que o público poida seguir as conferencias desde o Teatro ou telematicamente.

A aula Castelao fará público o programa da XXXVII Semana Galega de Filosofía dentro de dous días, pero Alexandre Cendón xa adiantou que será inaugurada cunha charla do profesor de economía da Universidade de Vigo, Albino Prada, que abordará a relación do mundo dixital co capitalismo e o neoliberalismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta