A Garda Civil denuncia o "atraso" na vacinación do Sergas: "imos ser os últimos de todo o territorio"

O sector asegura que "a día de hoxe non temos aínda data de vacinación".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2021 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

Continúa a polémica no reparto das vacinas por parte do Sergas. Na mesma semana en que o Servizo Galego de Saúde anuncia que comezará a chamar á poboación xeral de 50 a 55 anos para recibir o preparado de AstraZeneca, foron varios os colectivos que alzaron a voz para protestar contra as problemáticas do proceso de vacinación coordinado polo organismo dependente da Consellería de Sanidade.

Control da Guardia Civil
Control da Guardia Civil | Fonte: Europa Press - Arquivo.

O último sector en petar na mesa foron os gardas civís de Galicia. A diferenza doutros colectivos, aos que o Sergas decidiu non incluír na listaxe de vacinación prioritaria, os axentes da benemérita si forman parte deses primeiros grupos profesionais que contarán con preferencia na cola da inmunización. O problema chega, explican, polos “retrasos” que están a ter lugar no reparto das vacinas e que provocará que sexa “dos últimos” en ser vacinados en todo o Estado.

Segundo explica o sindicato UnionGC, o Sergas non chamou aínda a se vacinar aos gardas civís de Galicia “cando o resto de servizos sanitarios doutras CCAA xa vacinaron os seus gardas civís”. De acordo coa mesma fonte, a día de hoxe os axentes deste corpo destinado en Galicia aínda non teñen data de vacinación, unha situación de “abandono” que persiste a pesar de que os trámites burocráticos para o reparto dos preparados comezou “hai dúas semanas”, explican.  

Dende o sector non perderon oportunidade de reivindicar o servizo “exemplar” prestado na pandemia. O papel “esencial” da súa profesión, sosteñen, levou a esa cualificación preferente por parte do Goberno que agora teñen que levar a cabo as comunidades autónomas pero que, no caso de Galicia, persiste ancorada ante os xa amentados “retrasos” do Servizo Galego de Saúde. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta