Descubertos os primeiros petróglifos dos Ancares

Están entre 1.100 e 1.300 metros de altura no concello de Cervantes e son os primeiros atopados na comarca segundo os seus descubridores.

Por Galicia Confidencial | Cervantes | 02/09/2013 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

O pasado 25 de agosto atoparonse diferentes petróglifos no lugar coñecido como A Campa do Barreiro, parroquia de Donís, no concello de Cervantes, a media ladeira do monte e a unha altitude duns 1.100 metros. Son, segundo os seus descubridores, o divulgador histórico Xabier Moure e a documentalista Pilar Carpente, os primeiros que se atopan na comarca dos Ancares, moi comúns, por outra banda, na costa atlántica galega.

Petróglifos da Campa de Barreiro, en Cervantes/ Xabier Moure Petróglifos da Campa de Barreiro, en Cervantes/ Xabier Moure
Petróglifos da Campa de Barreiro, en Cervantes/ Xabier Moure Petróglifos da Campa de Barreiro, en Cervantes/ Xabier Moure

Esta primeira estación trátase dun grupo de 21 cazoletas insculpidas sobre gran parte dunha rocha practicamente horizontal. As medidas das cazoletas, bastantes erosionadas e de pouca profundidade, van dende os 4 aos 6 centímetros de diámetro e repártense sobre o panel. Un grupo de 7 cazoletas forman un círculo. 

"Cómpre salientar que as rochas gravadas con coviñas constitúen un dos casos máis enigmáticos da arte rupestre", apunta Moure. En Galicia atopamos este tipo de representacións dende o Megalítico ata a Idade do Ferro aínda que as máis abundantes pertencen á Idade do Bronce (1800-700 a.C.). Sobre a súa función tamén hai varias hipóteses que van desde lugares sagrados onde se practicaban algúns rituais, lugares relacionados coa fertilidade ou mesmo mapas de poboados ou astronómicos.

Novos achádegos

Unha semana despois de localizar esta primeira estación, Moure e Carpente deron con outra pena con gravuras no concello de Cervantes, na campa de Campo Redondo, a 1.300 metros de altitude, entre a aldea de O Piornedo e o Pico do Mustallar. Trátase dunha pena ubicada nun pequeno val por onde discorre o río de Veiga Cimeira e protexido polos montes de Pena Longa, Os Penedois e a Serra do Agulleiro. 

Petróglifos da Campa Barreiro, en Cervantes, modificados dixitalmente para apreciar as súas coviñas
Petróglifos da Campa Barreiro, en Cervantes, modificados dixitalmente para apreciar as súas coviñas | Fonte: Xabier Moure

As insculturas, formadas por doce coviñas de forma redonda e nove de feitura ovalada, ocupan a parte superior da pena, inclinada lixeiramente cara o sur-oeste. Tamén localizaron outras cazoletas en dúas rochas que forman parte dun muro situado nas inmediacións da capela do San Lourenzo. "Algúns veciños da comarca xa nos informaron doutros posibles petroglifos que tentaremos de localizar proximamente, a difusión nos medios foi fundamental", destaca Moure.

Os achádegos xa foron comunicados por correo electrónico ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo e ao Concello de Cervantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

1 David

As coviñas subindo cara ao Mustallar xa estaban delimitadas por un valado co cal de descoñecidas nada. Pero grandísima nova.

1 Xabier

As coviñas subindo cara ao Mustallar son sinais de glaciarismo (e esto, a falla dunha foto mellor, parece o mesmo). Nada que ver, menudo nivel!

2 David

Pouco sei de xeomorfoloxía glaciar... pode ser por termoclastia?

3 Xurxo

Estivemos nos petroglifos da Campa do Barreiro e sen dúbida son artificiais. A pedra está limpa dos liques que se observan na foto e as cazoletas aprécianse perfectamente. Descoñezo os que van desde o Piornedo ó Mostallar pero si vimos uns que están nun muro da aldea do Piornedo e tamén son artificiais, incluso se gravou nunha das pedras, xunto as cazoletas, unha cruz moderna.

4 Diego

Si poden ser producto da erosión unhas que se atopan o pé do Mustallar, pero estas que as vin son artificiais, de glaciarismo nada de nada.