Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/03/2021 | Actualizada ás 16:18
O comité clínico que asesora á Xunta reunirase o vindeiro martes, coa intención de ratificar as medidas para, como mínimo, a ponte de San Xosé, despois dos acordos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS). Así, decidirase se se mantén o toque de queda ás 22 horas ou se amplía ás 23 horas, no marco dos límites que hai a nivel estatal.
Outra das cuestións que se porán enriba da mesa será a flexibilización de certas medidas de restrición internas, como a capacidade e os horarios da hostalaría, xa que agora o peche está establecido ás 18,00 horas.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa avanzara que esta cuestión se debatería a próxima semana e este xoves, tras a reunión do Consello da Xunta, o presidente Alberto Núñez Feijóo mostrouse aberto a flexibilizar as medidas que se aplican a este sector pensando na próxima ponte de San Xosé.
Os acordos do Consello Interterritorial, lembrou o conselleiro este venres, ten a súa aplicación en Galicia na súa maior parte actualmente. Así, xa están limitadas as reunións en interiores de domicilios a catro persoas, aínda que falta por saber se a Xunta amplía tamén a seis persoas non conviventes en espazos exteriores, como permite o documento estatal. "Non vai ser complicado adaptalo e seguilo", manifestou este venres o conselleiro de Sanidade.
Outra das adaptacións que pode facerse e que se debaterá é o toque de queda. Actualmente Galicia teno situado nas 22 horas, e estudará se o amplía ata as 23,00 horas.
En canto ao peche perimetral, Galicia manteno desde hai varios meses, coas excepcións que houbo en Nadal.
ADVERTENCIA FRONTE Á MOBILIDADE
Na rolda de prensa deste venres posterior ao comité clínico tamén participou o especialista en Medicina Intensiva e membro do comité Pedro Rascado, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Rascado destacou que estamos nun momento "claramente favorable", pero advertiu de que se achega un momento de "mobilidade", polo que advertiu de que o comportamento cidadán pode evitar ou non unha cuarta onda.
"Temos que ser prudentes e isto significa cumprir as restricións pero máis aló diso, ser prudentes, ir un pouco máis aló. Que algo estea permitido, non significa que sexa obrigatorio facelo", apelou, nunha mensaxe moi similar á que xa lanzou en Nadal antes de que se aliviasen as medidas de restrición.
"Temos que ser prudentes con esa mobilidade", aseverou o doutor Rascado, quen recomendou realizar na medida das posibilidades calquera actividade no exterior, "sempre con máscara" e "con distancia".
Tamén chamou a evitar reunións de non conviventes en domicilios e apelou a acudir aos cribados para detectar os casos e evitar a transmisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.