Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 15/03/2021 | Actualizada ás 10:46
O Sindicato Labrego Galego (SLG) rexistrou un escrito dirixido á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal "advertíndolle do efecto chamada que provocou o anuncio de impor unha moratoria na plantación de eucaliptos en Galicia", informa.
Esta organización apoia a moratoria, pero argumenta que a mesma debe establecerse "de maneira inmediata, cun regulamento concreto e claro para o seu desenvolvemento e con suficientes recursos para garantir o seu cumprimento pois, pola contra, podería provocar un resultado oposto ao pretendido: que aumente aínda máis a superficie de eucalipto".
Respecto diso, afirma que están a recibir "numerosas queixas" nas súas oficinas comarcais "sobre persoas propietarias de leiras que están a realizar novas plantacións para eludir a moratoria, mesmo en leiras de uso agrícola", unha situación que vincula con "a inacción" da Consellería de Medio Rural en relación ás infraccións por forestación de terras agrarias.
En base a estes argumentos, o SLG pide que se intensifiquen as tarefas de seguimento e control das plantacións ilegais, "reforzando os recursos para tal fin, en especial nos distritos forestais, que se faga cumprir a lexislación actual, e que se definan, canto antes, as medidas concretas sobre a moratoria de plantación" desta especie en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.