Por Galicia Confidencial | A Bola | 17/03/2021 | Actualizada ás 19:36
A leria do "pequeno Nicolás" policial que se facía pasar por policía local pódelle custar caro. A Garda Civil de Celanova tomou xa declaración en calidade de investigado a este home de 33 anos de idade e veciño de Teo "como presunto autor dun de delito de usurpación de funcións públicas" tras facerse pasar por axente da policía local do concello da Bola.
Tal e como xa adiantou Galicia Confidencial, o investigado vestía un uniforme oficial de policía e levaba unha arma que resultou ser de aire comprimido. Así mesmo impútaselle outro delito de falsidade documental por presentar un título de auxiliar de policía local da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) falso. O uniforme e a pistola fóronlle intervidos.
Segundo apuntou a Xunta ao GC, a Garda Civil solicitou datos na AGASP sobre a formación desta persoa e confirmaron "que non formou parte dos programas de formación da Academia Galega de Seguridade Pública".
Foron policías locais de Celanova os que desconfiaron deste individiu tras presentarse o pasado luns nas súas oficinas para anunciar que era o "novo policía local da Bola". Roberto, o xefe da Policía Local de Celanova non lle dixo nada nese momento, pero sospeitou, e moito, do que estaba vendo e escoitando.
“Xa me chamou a atención que A Bola contratara a un policía local porque, para iso, ten que sacar unha oferta pública de emprego e logo, ademais, non levaba un número identificativo que todos os axentes levamos”, comenta en declaracións a Galicia Confidencial. Por iso, e antes a dúbidas que lle xerou, decidiu chamar á Agasp para confirmar se era certo. E alí confirmáronlle o que xa se temía, que todo era unha mentira e que estaba ante “un pequeno Nicolás policial”. E, había máis, esa mesma persoa xa se ofrecera a máis concellos de Galicia para tentar traballar como policía local. “Procedan inmediatamente ao seu arresto”, dixéronlle.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.