Por Galicia Confidencial | Boiro | 12/09/2013 | Actualizada ás 12:02
Cando se fala dos incendios parece que só se menciona a perda das árbores, da masa forestal, o proceso erosivo posterior, pero menciónase bastante pouco dos miles de animais que morren baixo as lapas. As aves se non están confusas debido á inhalación do fume poden escapar voando, e quizais sexa o grupo que máis se salve da acción devastadora do incendio.
Con todo, insectos, anfibios, réptiles e moitos mamíferos, incluídos carnívoros de mediano tamaño como raposos, teixugos e outros morren abrasados, queimados vivos ou intoxicados.
As baixas son incontables tanto polo número senón porque coas altas temperaturas de miles de graos que se poden alcanzar na maioría dos animais non se poden nin atopar os restos calcinados. Os raposos e porcos teixos cando teñen medo, volven e se agochan con máis firmeza nos seus tobos e aí poden morrer intoxicados polo fume ou mesmo queimados no fondo dos seus túneles e cámaras subterráneos. Esas mortes non se poden contar, non saen dentro das perdas provocadas polo incendio. O mesmo pasa con anfibios e insectos, son tan pequenos que as lapas cómenos sen deixar ningunha pegada.
O silencio tras os lumes
Visitar un monte calcinado é ben elocuente. Nin un trino dun paxaro, nin o son dun abellón, nin dunha libélula, nin os grilos, nada parece que quedou con vida. Un grupo de activistas de Axena viaxou ás minas abandonadas de wolfram e estano de boiro, un espazo no que hai dúas semanas realizararon unha mostra bi-anual. Pero o lume tamén chegou pouco despois a estes espazos. Por iso, volveron alí a avaliar o que o lume fixo coas especies.
Nunha das minas o lume entrara varios metros. O ano pasado, nunhas minas próximas á zona, descubriron, por primeira vez na provincia da Coruña, a presenza dun extrañísimo arácnido cavernícola, a Ischyropsalis hispanica segundo os expertos. Estarían vivos estes animais?. A auga do río da mina estaba cuberto de miles de mosquitos mortos, probablemente asfixiados polo fume do incendio dentro da mina. Logo de temer o peor, descubriron, metidos en grupos nos ocos, en postura defensiva, os exclusivísimos opilións.
Na procura de anfibios
Pouco despois, os membros de Axena comezaron a buscar na auga anfibios, adultos, larvas e xuvenís e, logo de buscar un anaco, deron con varias larvas de Lissotriton boscai, é dicir, o tritón ibérico. Máis adiante tamén apareceron varios adultos deste singular tritón. Xa que é un endemismo ibérico, a súa zona de distribución está restrinxida ao noroeste peninsular.
E é que a pesar da intensidade dos lunes hai espazos e animais que poden sobrevivir aos desastres naturais que estas semanas asolan o noso país.
Nova do blog colaborador Axena.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.