Por Galicia Confidencial | Carnota | 20/09/2013 | Actualizada ás 20:50
As primeiras conclusións sobre o terreo das consecuencias ecolóxicas do brutal lume do Monte Pindo deixan un panorama moito peor do esperado. O carballo anano (Quercus lusitanica, especie vulnerábel) foi destruido case por completo. O mesmo acontence coa pranta iris boissieri, en risco crítico de extinción a nivel mundial.
O mesmo equipo de biólogos da Asociación Monte Pindo Parque Natural que catalogara hai uns anos estas especie e logrou que se catalogara coma vulnerábeis acudiron novamente ao lugar e, desgrazadamente, certificaron a destrución do 99% da poboación do carballo anano. No caso do 1% restante, algunhas partes da planta non se queimaron.
Con todo, haberá que esperar á primavera para certificar a supervivencia, ou ben a defunción, desta especie no Monte Pindo. "Debemos aclarar que estes días teñense sucedido numerosas noticias referidas á suposta boa saúde do carballo anano; isto débese á confusión moi común con exemplares xuvenís de carballo do país e rebolo distribuidos por todo o monte, mentras que o rarísimo carballo anano só ocupa unha área mínima e aillada", apuntan desde esta asociación.
O mesmo acontece co Iris boissieri, cuxos exemplares se descubrion aínda pouco antes do lume despois de anos sen localizalo. Tamén haberá que esperar uns meses máis porque o seu futuro depende da profundidade á que se atopan os seus bulbos e se non foron completamente afectados polo lume.
Asimismo, o hábitat do Eryngium duriaei subsp. juressianum, ao norte da cova da Casa da Xoana, foi igualmente arrasado ao 100% asi que tamén se teme por esta especie en perigo de extinción.
E é que farán falta anos para certificar o estado, cando menos, das 646 especies que o Grupo de Bioloxía da Asociación Monte Pindo Parque Natural xa tiña catalogadas no espazo natural a consecuencia da elaboración do Catálogo de Especies, cuxa nova web se ía presentar na semana do desastre. Desas especies, un cento contaban con algún nivel de protección. "Farán falta meses ou anos para facernos unha idea global do que foi de todas elas", engaden.
Por outra banda, A Asociación Monte Pindo Parque Natural lembra que o vindeiro sábado 28 de outubro "unha auténtica marea solidaria" subirá ás 11 da mañá ao Olimpo Celta. "Centos de mensaxes e chamadas indican que a sociedade estase a mobilizar masivamente", sinalan e aclaran que o evento xa foi rebautizado popularmente como marcha verde polo Monte Pindo, pois esa cor converteuse xa "no símbolo da desesperación e a impotencia pola catástrofe".
Ao mesmo tempo, as 11.00 horas, unha marcha ciclista verde partirá desde Compostela con rumbo ao Monte Pindo, encabezada por destacados ciclistas do país, que tamén queren expresar a súa solidariedade. Finalmente o movemento social contra os lumes e por un medio ambiente máis coidado, rendible e protexido confluirá o 6 de outubro nunha grande Manifestación en Compostela que xa están a secundar ducias de colectivos de todo tipo, polo que se agarda igualmente masiva.
Ademais, esta asociación pedirá unha reunión de urxencia co conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, para reclamarlle que "pase das palabras aos feitos" e adopte varias actuacións de emerxencia, entre elas, a restauración hidrolóxico forestal do Monte Pindo, o establecemento de barreiras vexetais para a contención de escorrentías, a estabilización da superficie do solo mediante aplicación dunha capa de palla ou a declaración de zona catastrófica e dotación dos recursos necesarios para paliar os danos sufridos polos veciños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.