Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2021 | Actualizada ás 16:13
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade abrirá desde este luns o prazo para que os centros se incorporen ao modelo de ensino plurilingüe de cara ao próximo curso 2021/22. A oferta, que segundo a Xunta serve para estender a aprendizaxe dunha lingua estranxeira en Infantil, Primaria, Secundaria ou Bacharelato xorde no marco do tan criticado decreto de 2010 que, segundo plataformas e docentes, contribuíu a reducir as horas en galego nos centros públicos de Galicia.
A Xunta volve á carga, un ano máis, e, tal e como recollerá este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG), os colexios e institutos terán ata o 30 de abril para remitir as súas solicitudes. O famoso decreto de plurilingüismo comezou a se aplicar no curso 2010/11 para as etapas obrigatorias e, a partir do curso 2017/18, ampliouse a Infantil, Bacharelato e Formación Profesional.
423 CENTROS "PLURILINGÜES"
De acordo con datos da Consellería, no curso actual hai 423 centros "plurilingües" e 4.647 seccións bilingües, con 617 auxiliares de conversación nativos de ata 20 nacionalidades distintas que imparten clases. Así mesmo, do total de centros en 'EDULingüe', 171 implementaron o ensino dunha lingua estranxeira na etapa de Infantil, 13 en Bacharelato e un total de 50 ciclos de Formación Profesional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.