Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2021 | Actualizada ás 09:00
Os proxectos Prada e Alto Cabrera na contorna de Pena Trevinca supoñen os "maiores exemplos do modelo eólico do espolio vixente en Galicia". Así o entende a formación Anova, que vén de esixir ao Goberno do Estado que rexeite a súa implantación, posto que, segundo indica, "condensan os peores vicios do modelo de desenvolvemento eólico" polo que apostan tanto o Goberno español como a Xunta de Galicia.
Entre Prada e Alto Cabrera está previsto o establecemento de 60 aeroxenerradores de 200 metros de altura en punta de pa nunha das áreas de montaña más privilexiadas do noroeste peninsular, unha zona onde, segundo denuncia Anova, "a actitude connivente da Xunta" impide que conte na actualidade coa "suficiente protección logo de 12 anos de parálise da política ambiental tras a chegada de Alberto Núñez Feijóo ao Executivo autonómico".
De saíren adiante, estes proxectos afectarían a unha ampla superficie que contén numerosos hábitats prioritarios e especies de interese comunitario, nun contexto normativo de "desleixo interesado cara a protección da natureza por parte do PPdeG e que está a ser secundado polo Goberno español", entende Anova. Dende a formación critican que a Xunta de Galicia non presentase a proposta de ampliación da Rede Natura tal e como esixe a UE e non aprobase os plans de conservación e recuperación de especies ameazadas ou en perigo de extinción.
Igualmente, denuncian que non se actualizase un plan sectorial eólico para que estes proxectos pasen por unha avaliación ambiental estratéxica que "valore os efectos globais que a nivel galego ten a implantación masiva de parques eólicos". "É o desleixo programado de Feijóo co territorio o que permite que se formulen este tipo de proxectos de alto impacto, en conivencia coa élite económica que manexa o sector e que ten no Goberno galego un sumiso servidor".
Para Anova, estas actuacións son propias dunhas políticas enerxéticas "indecentes". "O goberno español non se pode aproveitar deste fraudulento xeito de actuar e debe rexeitar a tramitación dos parques eólicos Prada e Alto Cabrera”, declarou o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez. "O que acontece cos parques eólicos Prada e Alto Cabrera é o paradigma do modelo espoliador deste tipo de proxectos, onde a cidadanía sae claramente prexudicada mentres os beneficios fuxen cara as grandes empresas e as administracións galega e española se negan ao control público e cidadán da enerxía", sentenza Anova.
Por todos estes motivos, a formación denuncia a "burbulla das mal chamadas renovables", unhas enerxías alternativas que "están a servir única e exclusivamente para o beneficio das grandes corporacións sen ter en conta as verdadeiras necesidades de Galiza e do seu rural". "Unha burbulla" - remata o comunicado - "inflada con diñeiro e normativa pública á medida do oligopolio eléctrico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.