Carballeda de Valdeorras súmase o luns aos concellos pechados en Galicia, xunto ao Grove e A Pobra

Non se poderá saír do concello, a hostalaría estará pechada e estarán prohibidas as reunións de non conviventes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/04/2021 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O concello ourensán de Carballeda de Valdeorras estará, desde o vindeiro luns día 12 ás 00,00 horas, no nivel máximo de restricións, xunto ao coruñés da Pobra do Caramiñal e o pontevedrés do Grove. Isto significa que non se poderá saír do municipio, a hostalaría estará pechada (salvo comida para levar ou recoller) e estarán prohibidas as reunións de non conviventes, xa sexa en espazos públicos ou privados.

Un bar pechado no Grove, o día en que entra en vigor o peche perimetral do concello, a 8 de abril de 2021
Un bar pechado no Grove, o día en que entra en vigor o peche perimetral do concello, a 8 de abril de 2021 | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

Así o decidiu a Xunta tras a reunión deste venres do subcomité clínico, que asesora á Administración galega na toma de decisións pola pandemia da covid-19.

Ademais, estarán no nivel alto de restricións desde o luns oito concellos: Boiro, Barreiros, A Pobra do Brollón, Monterrei, A Illa, Boimorto, O Irixo e Carral. Neste nivel, a hostalaría só pode servir nas terrazas con capacidade do 50 por cento.

No nivel medio de restricións quedarán, desde o luns, os concellos de Rábade, Ribadumia, Soutomaior, Vilaboa, Vilanova, As Neves, Noia, Sanxenxo, Meis, Baiona, Gondomar, Carballiño, Cortegada e Padrenda. Neste nivel, a hostalaría interior está permitida ao 35 por cento e no exterior, en terrazas, ao 50 por cento.

No resto de concellos galegos, estarán vixentes as restricións do nivel medio baixo, é dicir, hostalaría en interior ao 50 por cento e exterior en terrazas ao 75 por cento.

A hostalaría está aberta ata as 21 horas en todo o territorio galego (no que está permitida a súa actividade). As reunións no exterior poden ser de ata seis persoas non conviventes e en interior, de máximo de catro persoas, incluídos os domicilios desde este sábado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta