Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2021 | Actualizada ás 12:49
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciaron que Manuel Rico é o gañador da XVII edición. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.
Debido ás circunstancias impostas pola pandemia da Covid-19, nesta edición do Premio Couso, como na anterior, optouse por non celebrar unha rolda de prensa para anunciar o fallo. O Colexio de Xornalistas comunicará proximamente cal é o formato co que se vai realizar este ano a entrega do premio, que dependerá en todo caso da evolución da crise sanitaria, de cara a que se celebre con totais garantías para a seguridade sanitaria de todas as persoas participantes.
Manuel Rico, fundador e actual director de investigación de infoLibre, é un destacado xornalista de investigación, autor de numerosas exclusivas ao longo da súa traxectoria profesional. Nos últimos meses denunciou a dramática situación das residencias de maiores durante a pandemia. O seu traballo destacouse sempre pola información independente, desde a imparcialidade, a profesionalidade e o xornalismo de investigación, o que lle fixo sufrir ameazas e presións. Cómpre salientar tamén o seu compromiso coa defensa da profesión xornalística.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.