Sobe a presión na UCI mentres os casos activos seguen á alza

Os novos contaxios detectados baixan dos 200, pero a taxa da positividade das PCR repunta ata o 3,1%

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 17/04/2021 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

A presión hospitalaria que deixa a pandemia de covid-19 en Galicia descendeu ata os 183 ingresados en total, unha ducia menos que 24 horas atrás. Con todo, isto débese á caída rexistrada nos pacientes en planta, que pasan a 152 --17 menos--, xa que os que están en unidades de coidados intensivos (UCI) aumentan en cinco, ata os 31.

Mentres tanto, os casos activos da enfermidade seguen á alza por novena xornada consecutiva, ata alcanzar os 2.590 pacientes, de acordo cos datos ofrecidos este sábado pola Consellería de Sanidade, actualizados ás 18,00 horas do venres.

Por áreas sanitarias, seis das sete --todas, fóra de Pontevedra-O Salnés-- ven reducida a súa presión hospitalaria, aínda que hai que ter en conta que en ningunha delas os pacientes en UCI descenden, senón que soben ou se manteñen.

Na área da Coruña-Cee, os ingresados baixan en tres, ata os 60 en total, aínda que os críticos soben nun, ata os oito. Unha tendencia similar segue a de Vigo, que contabiliza 34 enfermos hospitalizados --catro menos--, dos que cinco --un máis-- están na UCI.

En Santiago-Barbanza, os ingresados sitúanse nos 24 (-5), dos cales tres se manteñen en coidados intensivos; en Ourense-Verín-O Barco, hai 20 hospitalizados (-1), con seis (+1) en críticos; en Lugo-A Mariña-Monforte hai 10 ingresados en total (-1), tres deles (sen cambios) en coidados intensivos; e Ferrol, con seis hospitalizados, segue como a única área coa UCI libres de covid.

Pola súa banda, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés segue sumando ingresados, ata o total de 24 nos datos deste sábado (+4). Seis deles (+2) están na Uci. 

MÁIS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos, Galicia encara o alivio nas restricións deste fin de semana cun aumento por novena xornada consecutiva ao situarse en 2.590, o que supón 67 máis que a xornada anterior.

Por áreas, as infeccións activas soben en seis das sete: en Vigo, ata os 655 pacientes (+13); na Coruña, a 628 (+20); en Pontevedra-O Salnés, a 417 (+10); en Ourense-Verín-O Barco, a 224 (+7); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 189 (+16); e en Ferrol, que pasa o centenar e sitúase en 101 (+4).  En Santiago-Barbanza descenderon lixeiramente, ata situarse nos 376 casos activos (-3).

NOVOS CONTAXIOS

En canto aos novos contaxios detectados nun só día por calquera tipo de proba, baixaron ata os 194 --176 confirmados cunha PCR--, o que significa unha baixada de 67 con respecto aos 229 nos do venres.

Das 194 novas infeccións rexistradas, case a metade corresponden ás áreas da Coruña-Cee (48) e Vigo (46). Tras estas, están Pontevedra-O Salnés, que suma 32 novos casos de coronavirus; Lugo-A Mariña-Monforte, con 26; Santiago-Barbanza, 18; Ourense-Verín-O Barco, 15; e por último Ferrol, con nove contaxios novos.

Por tanto, os contaxiados de covid-19 na Comunidade galega ascenden a 119.677 desde o inicio da pandemia, dos que 29.001 foron na área sanitaria da Coruña; 22.871, na de Vigo; 18.888, na de Santiago; 15.098, na de Ourense; 13.209, na de Pontevedra; 12.255, na de Lugo; e 8.355, na de Ferrol.

Ata a data da última de actualización de datos, Galicia realizou 1.949.092 PCR desde o inicio da pandemia, que supoñen 5.807 probas feitas nas últimas 24 horas --unha baixada de 1.338 con respecto ás realizadas o día anterior--.

No que respecta á taxa de positividade, ascendeu ata o 3,1%, tras manterse en torno ao 2% nos últimos días. Con todo, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

FALECIDOS E CURADOS

A pandemia deixa ata a data en toda a Comunidade galega 2.371 persoas falecidas diagnosticadas con covid-19, ao non notificar Sanidade novas vítimas desde o mércores. Entre finais de setembro e finais de marzo comunicáronse mortos de forma diaria e desde entón tan só houbo sete xornadas sen notificación de vítimas.

Así mesmo, ata o momento curáronse do coronavirus en toda Galicia 114.738 pacientes, o que supón que 127 persoas recibiron o alta nas últimas 24 horas.

Inmediacións do Hospital Marítimo de Oza, na Coruña, Galicia (España), a 24 de marzo de 2021. Galicia renova hoxe, do mesmo xeito que o resto das comunidades españolas, a vacinación con AstraZeneca, e farao 'onde se parou', en colectivos específicos. M. Dylan - Europa Press
Inmediacións do Hospital Marítimo de Oza, na Coruña, Galicia (España), a 24 de marzo de 2021. Galicia renova hoxe, do mesmo xeito que o resto das comunidades españolas, a vacinación con AstraZeneca, e farao 'onde se parou', en colectivos específicos. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta