Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 09:25
Continúan as denuncias contra os “atentados” ecolóxicos a mans da implantación de eólicos sobre territorio galego. A derradeira voz de alarma contra a chamada “invasión eólica” vén da man da plataforma Aldeas Libres de Macroeólicos, que vén de se mobilizar contra a implantación de varias torres de 200 metros de altura a tan só medio quilómetro de varias aldeas na zona de Ordes e Curtis.
Estes concellos da Coruña estarían ameazados por 36 macroeólicos de 200 metros de altura que quedarían, apuntan dende a plataforma, “no medio das aldeas de Ordes e Mesía”. Esa é, precisamente, a cuestión que xera preocupación da plataforma, xa que, segundo apuntan, estas torres --cuxa altura equivalería a 46 tractores un enriba doutro-- pasarían a estar demasiado preto das casas. Por iso veñen de lanzar unha petición en Change.org que acumula xa máis de 1.000 sinaturas de apoio.
Imaxina 46 tractores 🚜 apilados a 500 metros da túa casa. Pois iso é o que terá veciñanza afectada polo macroparque Ordes-Curtis con macroturbinas de 200m, 3 subestacións eléctricas e unha liña de alta tensión que atravesa o territorio. Asina a petición https://t.co/l0X8aHv1Pb pic.twitter.com/fLsJXsLqMU
— AldeasLibres de Macroeólicos (@aldeaslibres) April 19, 2021
Segundo destacan dende a plataforma, o Plan Eólico do 2002 recolle que a distancia mínima dos eólicos a respecto das casas debera ser de 500 metros. “Esta norma está desfasada e non contempla os cambios técnicos dos aeroxeradores en altura e potencia dos últimos anos”. Concretamente os tipo VESTAS V136, macroeólicos que se usarían neste proxecto, miden 200 metros de altura, segundo subliñan. “Deste xeito, os 500 metros fanse claramente insufientes e os efectos negativos sobre as nosas aldeas son maiores”, engaden.
"FRAGMENTACIÓN IRREGULAR"
As críticas de Aldeas Libres de Macroeólicos complétanse cun dos pratos máis habituais no que respecta ás denuncias contra a implantación “descontrolada” de eólicos en Galicia: a suposta “fragmentación irregular”, xa condenada nalgún caso polo TSXG. “A versión oficial fala de catro parques diferentes (Solpor, San Bartolomeu, Gasalla e Legre) pero pola súa proximidade e porque os efectos nos afectan no seu conxunto, en realidade conforman un só macroparque en mans de empresas estranxeiras que pagan impostos fóra do noso país”.
“Fragmentando o proxecto en catro óbvianse as consecuencias reais na zona e deste xeito os informes de impacto ambiental emitidos quedan desvirtuados”, destacan dende a plataforma antes de que engadir que o macroparque se ubica “dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e tamén no transcurso do Camiño Inglés no seu paso pola comarca de Ordes. Parte do parque situarase nunha zona declarada para formar parte da Rede Natura 2000 coa consideración de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN)”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.