Por Europa Press / Redacción | Ourense | 24/04/2021 | Actualizada ás 20:32
A Fundación San Rosendo, xestora duns 70 centros de maiores que congregan case 3.700 prazas, estuda incorporar á súa rede de residencias a San Carlos de Celanova (Ourense), que foi o primeiro xeriátrico de Galicia en notificar un brote de covid-19 que afectou a unha vintena de persoas, entre traballadores e usuarios, en marzo do 2020.
Fontes da Fundación San Rosendo ratificaron a existencia destas conversas coa entidade xestora do centro celanovés, para avaliar unha posible incorporación.
Trátase dun movemento que "preocupa" ás familias congregadas ao redor da Asociación Vellez Digna e a Asociación pola Defensa dos Dereitos das Usuarias de Residencias de Galicia (ADUR).
Estes colectivos lamentan que o órgano xestor da residencia San Carlos "non informase" ás familias dos maiores sobre estas negociacións nin tampouco sobre "as alternativas que están sobre a mesa, unha das cales inclúe profundar no carácter público" do centro.
A incorporación á Fundación San Rosendo, alertan estas asociacións, suporía que "as decisións sobre Celanova xa non se tomarán en Celanova". "Esta perda supón unha renuncia á filosofía de proximidade que viña mantendo a residencia co párroco Cesáreo Iglesias á cabeza", explican.
Ademais, os colectivos de familiares reclaman "un modelo de residencias pequenas, con mellores cocientes e máis perfís no persoal de atención", á parte dunha "vocación de servizo público".
A xuízo de Vellez Digna e ADUR, a opción da Fundación San Rosendo "suporía optar polo modelo privado de grandes centros con atención despersonalizada e insuficiente, como se revelou durante a pandemia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.