Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/04/2021 | Actualizada ás 12:09
As residencias de Galicia mantéñense este domingo sen casos de covid-19 nin entre usuarios nin en traballadores, unha situación que permanece invariable desde o pasado 16 de abril e que ten lugar por segunda vez na pandemia tras estar sen casos positivos varios días en xullo do pasado ano.
Segundo informou este domingo o Sergas, non hai ningún caso nin entre usuarios nin traballadores en residencias de maiores nin en centros de discapacidade.
Esta situación mantense despois de que, durante a terceira onda do coronavirus, as residencias galegas rexistraron un pico de 466 usuarios infectados.
Isto ocorreu o 24 de xaneiro, un día antes de cumprirse os sete días necesarios desde a administración da segunda dose da vacina para xerar inmunidade, dado que este proceso arrincou de forma xeneralizada o 18 de xaneiro.
Desde o día 25, e aínda a pesar dalgúns gromos, as residencias de maiores galegas foron experimentando un progresivo descenso na cifra de usuarios afectados. Así, o 27 de xaneiro, un mes despois do inicio da vacinación, eran 445 os usuarios positivos, mentres que o 27 de febreiro a cifra situábase nos 50.
Na actualidade, desde o venres pasado, 16 de abril, que recibiu o alta o último traballador contaxiado, non hai positivos nin entre usuarios nin entre o persoal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.