Un 40% do alumnado de Galicia remata a ESO sen saber falar galego con fluidez

Son as conclusións dun estudo da RAG que tivo en conta a case 600 estudantes. O conselleiro de Educación asegurou o pasado febreiro que a actual xeración é "a mellor formada en Galego da historia".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2021 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega vén de publicar un novo estudo sobre o emprego e coñecemento da lingua entre a mocidade que volve a poñer de relevo a situación de "desequilibrio" de galego en castelán nas aulas da Comunidade. A conclusión fundamental do estudo é que o 35% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego, tanto a nivel escrito como oral. 

Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponte os exames Selectividade de 2020. (Lugo. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponte os exames Selectividade de 2020. (Lugo. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

 

Segundo apuntan dende a Academia, o 44 % dos preto de 600 estudantes de 26 centros de secundaria participantes na mostra sinalaron que tiñan tanto o galego como o castelán por lingua inicial, o 36,1% indicou o castelán e, nunha proporción menor, o 18,1% sinalou o galego. En canto á lingua de uso maioritario, case o 70% respondeu que fala única ou preferentemente o castelán, mentres que só fai un uso similar do galego o 30%.

 

O traballo, apuntan, describiu a presenza dun importante sector de alumnado cunha escasa competencia en galego. Esta debilidade atinxe fundamentalmente á capacidade para comunicarse oralmente e á comprensión léxica, e afecta sobre todo a mozos e mozas principalmente castelanfalantes que residen no urbano ou periurbano galego. A porcentaxe de estudantes con este perfil acada cifras entre un 35% para a competencia léxica e un 40% para a oralidade, se ben existen notables diferenzas de xénero na expresión oral, máis pobre entre os rapaces.

 

GOLPES Á VERSIÓN DA XUNTA

 

Os duros datos achegados polo informe da Academia, que insta a realizar cambios "dentro e fóra da escola" para revitalizar a lingua, contasta notablemente cunha das últimas declaracións do Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia a respecto da situación do galego nas aulas. Román Rodríguez sinalaba o pasado mes de febreiro que o galego está "en igualdade" co castelán nas aulas, e que a actual era "a xeración máis formada en galego da historia".

 

Porén, a Xunta de Galicia vén de recibir diversos golpes nos últimos meses contra unha política lingüística que arrincou hai xa dez anos do Decreto de Plurilingüismo, un modelo que a Xunta segue a ampliar ano tras ano malia a forte contestación social que xerou no seu momento. O Consello de Europa lanzou a comezos deste mes un duro informe no que aseguraba que o Galego estaba a se perder entre as xeracións máis novas, provocando unha ruptura xeracional que, nuns anos, podería poñer o galego en serias dificultades de supervivencia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta