A Xunta constitúe unha empresa con Abanca para tentar captar fondos da UE

Na sociedade estarían tamén Sogama e Reganosa como socios minoritarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2021 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

Unha sociedade público-privada que foi constituída pola Xunta, Abanca, Reganosa e a Sogama nace para "impulsar proxectos tractores en Galicia". A iniciativa, denominada Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, xorde, aparentemente para proxectos empresariais centrados na "dinamización, o progreso e a transformación da economía galega mediante un modelo verde e dixital", segundo detallou a Vicepresidencia Segunda do Goberno autonómico.

Deste xeito, aspírase a incentivar a actividade produtiva da comunidade a través da captación de investimentos, a incorporación de socios e unha colaboración público-privada que permita a posta en marcha e consolidación de propostas empresariais. En particular, estaría orientada á captación de fondos europeos; un filón no que a Xunta leva tecendo alianzas con Naturgy nos últimos meses e que foron criticadas por falta de transparencia. 

Feijóo saúda a Escotet no acto de sinatura do protocolo sobre desafiuzamentos de ABANCA
Feijóo saúda a Escotet no acto de sinatura do protocolo sobre desafiuzamentos de ABANCA

Segundo detallan dende a Xunta de Galicia, a corporación, que se trataría dunha Sociedade Limitada, conta con case o 80% do seu capital achegado polo propio Goberno autonómico (40%) e Abanca (38%). No resto, un 12% correspondería a Reganosa e un 10% a Sogama, dúas entidades público-privadas nas que a Xunta xa conta con investimento.

ABANCA

Pola súa banda, Abanca enmarca a súa participación na sociedade no seu compromiso "co tecido produtivo galego e coa creación dun modelo económico máis sustentable". A nova de inclusión do banco comandado por Escotet chega logo duns meses nos que a imaxe da entidade sufriu deterioros a conta das comisións "abusivas" cobradas durante o confinamento e algunha campaña publicitaria que sufriu unha dura resposta nas redes sociais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta